ARTE efémera

Ponteareas posiciónase con Artistea

Seis artistas traballan dende o pasado domingo na Residencia de Artistas de Ponteareas, Artistea, coa arte efémera como eixo central. Diferentes ideas e a convivencia como base durante 14 días para o seu enriquecemento persoal e colectivo como artistas

Arriba a artista Noa Covelo traballando na Residencia. A esquerda os e as artistas desta terceira promoción pousan coa directora Laura Porto e a coordinadora Alba Nogueira.   | // ANXO GUTIÉRREZ

Arriba a artista Noa Covelo traballando na Residencia. A esquerda os e as artistas desta terceira promoción pousan coa directora Laura Porto e a coordinadora Alba Nogueira. | // ANXO GUTIÉRREZ

LARA R. MIRA

[Ponteareas]

Ponteareas conta coa primeira residencia de artistas 100% pública, de titularidade municipal e multidisciplinar. As instalacións permiten ter un espazo no municipio onde persoas bolseiras poidan desenvolver os seus proxectos artísticos durante un tempo concreto e titorizados por docentes expertos, con unha residencia no ano 2024 e duas neste 2025, o proxecto xa marca posición na comunidade galega.

Ponteareas posiciónase con Artistea

Ponteareas posiciónase con Artistea

A primeira delas estivo centrada en proxectos multidisciplinais que versaban ao redor de temas como a poesía, a música e as performances. Por outra banda, durante a segunda, os e as artistas traballaron nas disciplinas de banda deseñada e documental. Nesta terceira ocasión, a protagonista é a arte efémera.

Así, un total de seis artistas permanecen na residencia de artistas Artistea , situada na Praza Maior de Ponteareas, dende a pasada noite do domingo 8 de xuño e desenvolverán os seus proxectos ata o vindeiro sábado 21 para traballar en cinco proxectos diferentes.

Deste xeito, a residencia durará por primeira vez 14 días, de forma que os e as artistas -xente xove pero non amateur- chegados dende diferentes puntos de Galicia e Bilbao, poden vivir os preparativos do Corpus Christi dunha forma especial que lles permitirá mimetizarse co ambiente, as costumes e as tradicións da vila do Tea.

Os proxectos que están a tomar forma nesta terceira residencia son un total de cinco: «Flux Boom», «Cai na auga e rompe, cai no panallo e non rompe», «Natureza e lembranzas», «Sementes do tempo» e «Bágoas de Arxila». Todos eles xiran en torno a un eixo común, a «non permanencia e a fugacidade no tempo» pero cada un deles será concibido e traballado a través de diferentes técnicas e disciplinas ou formas de expresión artística.

Así, os e as residentes Camile Duhart, o Colectivo Aviva-lo formado por Alberto Ovejero e Sergio Marey; Irene Vieito, Noa Covelo e Silvia Bátega están sendo os encargados de dar vida a estas novas cinco obras artísticas.

Esta nova edición da Residencia de Artistas Artistea conta tamén con dúas masterclass, que ademais de ser para os e as residentes, as poderá desfrutar o público en xeral.

A primeira delas, e que tivo lugar este pasado venres 13 de xuño, foi impartida pola artista visual, performer e actriz María Roja, que compartiu as súas inquedanzas artísticas cos e coas asistentes.

A seguinte clase maxistral, que terá lugar o vindeiro martes 17 de xuño ás 12:00 horas, será impartida polo pintor e profesor da Facultade de Belas Artes de Granada, José Freixanes, que será o encargado de ofrecer a última conferencia desta terceira edición de Artistea, na súa Edición Efémera. Así, o artista presentará aos e ás asistentes a súa visión e a súa aprendizaxe sobre o mundo da arte e da pintura.

Como nas anteriores ocasións, o Concello de Ponteareas encargou o desenvolvemento do programa a Laura Porto, que exerce como diurectora do proxecto, coa axuda de Alba Nogueira, na coordinación. A pesares da xuventude destas duas artistas o seu traballo e moi valorado no sector, que comenza a considerar Ponteareas como referente o que, de algunha maneira, marca o futuro do proxecto.

Tracking Pixel Contents