Festa da ROSA
Mos outorga por vez primeira o título de Valedora da Rosiña
Roberto Vilar foi o encargado de dar o pregón da festa | Sita Barciela ten o mellor ramo de Mos

Sobre estas liñas, asistentes durante o acto institucional da Festa da Rosa de Mos 2025 | // ANXO GUTIÉRREZ
LARA R. MIRA
A vila de Mos viviu durante este pasado venres 13 de xuño unha nova edición da, xa consolidada, Festa da Rosa, que este ano acadaba a súa quincuaxésima segunda edición. A festividade, que conta co selo de Festa de Interese Turístico de Galicia, mestura tradición, cultura, identidade e recoñecemento social nunha contorna única como é o Pazo de Mos.

Roberto Vilar, presentador e humorista galego, dando o pregón da Festa da Rosa de Mos 2025. | // ANXO GUTIÉRREZ
Roberto Vilar, humorista e presentador galego, foi o encargado de dar o pregón cun discurso cargado de emoción, orgullo e humor que fixo vibrar ao público alí presente. O broche de ouro á xornada foi ofrecido polo artista Juan Magán que encheu de ritmo e enerxía a noite mosense, congregando a milleiros de asistentes.

Autoridades no acto institucional da Festa da Rosa do Concello de Mos 2025. | // D.P.
A Festa da Rosa de Mos ten, ademais, dous momentos clave durante a súa celebración. Por unha banda, o concurso de rosas e da empanada de millo e por outro lado, o nomeamento institucional dos Valedores e Valedoras da Rosa.

Asistentes visitando os postos dos ramos de rosas da Festa da Rosa de Mos 2025. | // ANXO GUTIÉRREZ
Así, o nomeamento dos tradicionais títulos de Valedores e Valedoras da Rosa de Mos adoitan ser outorgados a figuras destacadas polo seu vínculo coa vila ou pola súa traxectoria exemplar. Ademais, este 2025 presentouse como novidade a figura da Valedora da Rosiña de Mos, creada coa intencionalidade de recoñecer o talento xuvenil do municipio.
Deste xeito, os novos Valedores e Valedoras da Rosa de Mos recentemente homenaxeados son: o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidade e FP, Román Rodríguez González; o expresidente do RC Celta, Manuel Carlos Mouriño Atanaes; a exministra Ana Pastor Julián; o director de La Vuelta, Javier Guillén; o cineasta Daniel Sánchez Arévalo e a Asociación Galega de Residentes de Mos en Bos Aires.
A maiores, estreou o título de Valedora da Rosiña a deportista mosense Martina Sande Martíns, polo seu «exemplo de esforzo, paixón e futuro» segundo explicou a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo.
Premios da Rosa 2025
Un dos principais atractivos da Festa da Rosa son os seus concursos de rosas e empanadas de millo.
Así, outorgouse un premio de cen euros para o mellor ramo de cada parroquia que foron: Ángeles Rodríguez en Cela, Purificación Largo en Dornelas, Sita Barciela en Guizán, María Pérez en Louredo, Natalia Sanjurjo en Mos, Abel Alonso en Pereiras, Carlota Míguez en Petelos, Marivi Ben en Sanguiñeda, Manuel Figueroa en Tameiga e Isabel Lago en Torroso. Ademais, o premio de 200 euros polo mellor ramo de Mos foi para Sita Barciela e parroquia que máis ramos entregou foi Louredo con 46 ramos.
Por outra banda, no canto do concurso de empanadas repartíronse tres premios.
O premio á empanada de mellor presentación, valorado en 150 euros foi para Alberto Santos O premio pola empanada máis grande, do mesmo importe que o anterior, acadouno a Panadería San Miguel As Vides e o gran premio de 200 euros pola empanada de mellor sabor alcanzouno Constantino González.
- Rescatan en Vigo a un hombre desaparecido que llevaba 11 días oculto entre rocas en Tombo do Gato
- El empresario detenido por la UCO en Santiago es uno de los tres cabecillas de la red criminal que defraudó 69 millones
- Multa de 10.000 euros y 3 meses sin licencia para el furtivo de los 800 kilos de pulpo
- Hachazo’ en las oposiciones de educación: eliminados en la primera prueba casi el 90% de los aspirantes
- Hosteleros divididos por la actitud de los peregrinos
- Un conductor ebrio atropella al alcalde de Sanxenxo
- El restaurante flotante de Roberto Vilar en Silgar
- El pueblo costero de Galicia donde se come muy bien en primera línea de playa: «El refugio del fin del mundo»