Comunidade

Volve a Feira de Artesanía a Covelo con obradoiro e música

A banda «Os da cocheira» será a encargada de animar a xornada

Feira de artesanía de Covelo.   | // D.P.

Feira de artesanía de Covelo. | // D.P.

[Covelo]

A Feira de Artesanía, Segunda Man e Café Repair regresa en Covelo para ofrecer unha xornada repleta de actividades para todas as idades. O sábado 7 de xuño, entre as 10:00 e as 14:30 horas, a praza Mestre Cerviño-Covelo será o punto de encontro onde se poderán descubrir produtos artesanais de calidade, mercar artigos de segunda man e participar en espazos de colaboración como o Café Repair, onde persoas voluntarias se axudan a reparar obxectos de todo tipo.

Un dos grandes atractivos será o novo formato de obradoiro de cociña con degustación, no que se ofrece a oportunidade de aprender e gozar dunha experiencia culinaria.

Para participar neste obradoiro, cunha cabida limitado a 15 persoas adultas e 15 cativos, será necesario inscribirse previamente. As inscricións poden realizarse a través da sede electrónica do Concello ou de forma presencial nas oficinas municipais, ata o 4 de xuño ás 14:00 horas.

Como novidade tamén se inclúe o posto de voluntariado social Troca/Colabora, onde se recollerán alimentos non perecedoiros e tapóns solidarios, aportando o seu gran de area á solidariedade local.

A xornada será animada por música en directo coa banda «Os da Cocheira», que levará a súa enerxía ao público, e culminará cun peche festivo coa sesión vermú de Toti Voz, quen ofrecerá un repertorio de rock, pop e rumba, facendo bailar a toda a praza.

E, como non pode ser doutro xeito, tamén haberá pulpeiro para acompañar o evento cun toque gastronómico tradicional, nunha boa oportunidade para gozar de Covelo, promover a economía circular e vivir a cultura local. Para máis información, pódese contactar co Concello de Covelo no teléfono 986 650 027 (ext. 4).

Tracking Pixel Contents