Primavera

Obradoiro de artesanía de coiro no Rosal

Será o 7 de xuño con prazas limitadas e inscrición previa

[O Rosal]

Traballar coas mans, crear algo único, conectar con oficios tradicionais e impulsar a creatividade. Iso é o que propoñen os Obradoiros de Primavera do Rosal, que continúan en xuño cunha nova actividade.

O segundo taller estará centrado no traballo de artesanía con coiro, a segunda parte dun obradoiro xa celebrado o pasado outono. O curso terá lugar o vindeiro sábado 7 de xuño, a partir das 10.00 h na nave do obradoiro da Mata, e estará impartido pola artesá Ana Serra García, do obradoiro Medialúa, cunha traxectoria de máis de 30 anos no mundo do coiro.

Durante as 4 horas de duración do obradoiro, as persoas participantes aprenderán a elaborar un moedeiro con fol, coñecendo técnicas básicas de traballo co coiro e creando unha peza funcional e persoal.

A actividade terá un máximo de 12 prazas, un custo de 22 euros e estará aberta a todas as idades, aínda que terán prioridade as persoas menores de 30 anos. As persoas interesadas deberán inscribirse enchendo o seguinte formulario.

O concelleiro de Xuventude, Alejandro González, anima a participar nun obradoiro co que o Concello «segue apostando por ofrecer propostas que fomenten a creatividade, poñan en valor os oficios tradicionais e dean espazo á xuventude e a toda a veciñanza para experimentar e aprende».

Tracking Pixel Contents