Artes gráficas

O concurso de carteis do «Nigrán Jazz» ten gañador nigranés

Álvaro Cedeira, tatuador de 25 anos, impúxose a outras 37 propostas

Álvaro Cedeira, Juan González e Felipe Villar.   | // D.P.

Álvaro Cedeira, Juan González e Felipe Villar. | // D.P.

[Nigrán]

O cartel do nigranés Álvaro Cedeira Pérez, presentado baixo o lema «Jazznoaire», foi escollido gañador do concurso de carteis «Quin Alborés-Nigranjazz», dotado cun premio de 700 euros.

A imaxe sinxela dunha trompeta sobre fondo azul e da que emerxe unha bandada de paxaros representará a XIX edición deste emblemático festival que cada verán ten lugar na Foz do Miñor, este ano o 18 e 19 de xullo. O certame, totalmente anónimo e que rende homenaxe desde o ano 2010 ao falecido artista nigranés Quin Alborés, quen impulsou o evento desde o seu comezo deseñando os tres primeiros carteis, recaeu precisamente nun veciño de 25 anos que, coma Quin, ama as artes gráficas.

«Quería representar visualmente a esencia do jazz como linguaxe libre, emocional e evocadora, a través dunha metáfora sinxela e poética presento a música coma unha forza liberadora que conecta co espírito, coa natureza e co territorio», explica Álvaro, titulado en fotografía e deseño pola Escola CIFP Audiovisual de Vigo e actualmente traballando como tatuador.

«Estamos ante un certame no que participan profesionais de toda España e ao que se presentan os carteis de xeito anónimo, baixo un lema, así que foi unha sorpresa que gañase un mozo nigranés porque que recordemos, non gañou ningún veciño a lo menos nos últimos 10 anos, así que a alegría é dobre; Quin Alborés estaría moi orgulloso de este relevo», consideran Juan González, alcalde de Nigrán, e Felipe Villar, director do festival, ambos membros do Xurado xunto a dúas deseñadoras gráficas da comarca, a reponsable de comunicación do Concello e un irmán de Quin Alborés.

O cartel bebe do estilio dos anos 50-60 e, na deliberación final, impúxose a un segundo candidato finalista con estilo oposto.

«O Xurado destaca a sinxeleza clásica da composición gañadora e o gran traballo tipográfico desenvolvido en cada apartado, o que confire ao conxunto unha harmonía perfecta entre a propia ilustración e a información sobre o festival, aspecto clave nun cartaz», considerou o Xurado na súa acta, destacando que a elección «outorga un novo pulo ao certame».

Tracking Pixel Contents