Economía verde

Milleiros de persoas enchen a Feira de Cultivos

A enorme afluencia de público e a gran participación nas actividades consolida o evento como cita ineludible para sector e veciñanza

XX Feira de Cultivos do Baixo Miño.   | // D.P.

XX Feira de Cultivos do Baixo Miño. | // D.P.

[Tomiño]

Organizada pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam) e o Concello de Tomiño, a XX Feira de Cultivos do Baixo Miño pechou a pasada fin de semana a súa edición máis multitudinaria con milleiros de persoas participantes que desfrutaron dun ambiente vibrante e unha programación que fixo do evento unha verdadeira festa do sector verde en Galicia.

Durante tres días, a Praza Pintor Antonio Fernández de Goián acolleu unha vintena de actividades ao aire libre pensadas para todos os públicos, con concertos, conferencias para afondar na transferencia de coñecemento de profesionais do sector á veciñanza e obradoiros prácticos nos que participaron 200 persoas. «Para nós é un orgullo ver como a feira se converteu nun espazo de encontro, de aprendizaxe e tamén de lecer. O éxito desta edición demostra que Tomiño é unha referencia no camiño cara a un futuro verde e innovador», sinalou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

Pola súa parte, o presidente de acuBam, Fran Campo, destacou «o ambiente acolledor e distendido que se viviu durante toda a fin de seman. Esta feira confirma o potencial do noso territorio como motor de innovación agrícola».

A Feira de Cultivos do Baixo Miño reafírmase así como un dos grandes eventos galegos no ámbito do medio rural.

Tracking Pixel Contents