Deporte

«Futbolista pobre, futbolista rico» preséntase en Ponteareas

Á presentación asistiron todos os pontareáns que xogaron en primeira división

A presentación contou cun grande éxito de público.   | // D.P.

A presentación contou cun grande éxito de público. | // D.P.

[Ponteareas]

Un auditorio ateigado recibíu aos tres xogadores de primeira división do Concello de Ponteareas que compartiron escenario con motivo da presentación do libro «Futbolista pobre, futbolista rico».

O actual xogador do Celta de Vigo, Damián Rodríguez; o primeiro ponteareán en xogar en primeira división, Suso Martínez e Rafael Rodríguez ex xogador do Sevilla Fútbol Club participaron neste exitoso acto no que se esgotaron todos os libros. Nos vindeiros días estarán nas librerías de Ponteareas para aquelas persoas que quedaron sen el.

No acto, conducido polo comunicador ponteareán, Terio Carrera, Rafa Rodríguez reflexionou sobre algúns dos contidos do seu libro no que repasa as claves do éxito, pero non só o deportivo, tamén o persoal e o empresarial.

Influído polas súas orixes, Rafita confesouse apaixoado do fútbol e do cine. Fillo do gañador de La Vuelta a España no ano 1950, Emilio Rodríguez, e sobriño do primeiro ponteareán en gañar La Vuelta, Delio Rodríguez, Rafa Rodríguez non tiña claro na súa adolescencia se adicarse a pedalear ou a meter goles, e sobre isto reflexionaba nos seus adestramentos seguindo a roda do terceiro ponteareán en gañar La Vuelta, Álvaro Pino.

Público e profesionais rememoraron os fitos históricos do fútbol e do ciclismo que, á vez, foron tamén parte da vida das veciñas e veciños de Ponteareas.

Explicou Rafa Rodríguez que a vida dun futbolista de primeira división non é doada, acostumado a estar guiado e guionizado dende a adolescencia debe enfrontarse ao mundo real unha vez remata a súa vida como deportista de elite, «e é aí cando con trinta ou trinta e pico anos tes que comezar a tomar decisións sobre como dirixir a túa vida. E tes que facelo nun momento no que todos os do teu arredor xa teñen un plan de vida». Relatou Rafita que con frecuencia os futbolistas teñen que comezar unha nova vida arredor dos 30 anos e non sempre están preparados para porque «en realidade non é algo que haxa que preparar nese momento, é algo que hai que ir forxando dende o primeiro día que entras nun club. Cultivar as relacións, formarse, ter un plan B, en definitiva saber xestionar o teu tempo, os cartos e os contacto».

Claves para unha transición exitosa, consellos prácticos para postfutbolistas, ser creativos, contar con bos axentes, crear bos hábitos dende o principio, principios, equilibrio entre paixón e razón e unha transición do deporte á vida cotiá son algúns dos temas sobre os que se recrea o libro «Futbolista pobre, futbolista rico». Un contedor de experiencia, de vivenzas e de grandes xogadas que conta co prólogo de Ramón Rodríguez «Monchi», un dos directores deportivos máis exitoso e recoñecido do fútbol mundial e cun epílogo de Luis de la Fuente, seleccionador da Selección Española de Fútbol. Con ámbolos dous Rafita cadrou nos seus inicios forxando unha amizade que os acompañaría ao longo destes trinta anos de vida adicada ao fútbol.

Tracking Pixel Contents