Concursos

Unha tomiñesa gaña o premio do deseño das Letras Galegas 2025

O debuxo de Paloma Bravo competiu con máis de 60 creacións

Paloma Bravo Alonso.   | // D.P.

Paloma Bravo Alonso. | // D.P.

d.p.

[Tomiño]

O deseño felino de Paloma Bravo Alonso resultou gañador entre máis de 60 creacións presentadas ao concurso das Letras Galegas 2025 convocado pola OMIX Tomiño (Oficina Municipal de Información Xuvenil), para a camiseta conmemorativa que adoita editar cada ano con motivo da conmemoración do Dia das Letras Galegas..

«A idea naceu do meu gato Ringo, e a frase «Ei, ho! Comeuche a lingua o gato?» veu soa de por si. O gracioso é que esquecera por completo a data e o día de entrega e mandeino a última hora a todo correr, o que fixo que non lle dese moitas voltas ao deseño, que foi fresco e directo. Quixen que a mensaxe fose directa, coma un desafío a todos nós para usarmos a nosa lingua con naturalidade, sen vergoña. E faime moita ilusión que este deseño gañase, xa que, un ano despois de que Ringo nos deixase, segue aquí connosco», explica a autora.

Paloma, tomiñesa por adopción de 30 anos de idade, sempre tivo interese polo deseño e a creatividade. En 2017 comezou a ser voluntaria da OMIX, presentando entón un primeiro deseño para o concurso baixo o lema «Ensíname a túa lingua». Este ano volveu a Tomiño tras pasar unha tempada fora, animándose a participar de novo no certame.

Recentemente realizou un curso de deseño e decidiu abrir un espazo en Instagram (Pipoca Brava), onde comparte os seus debuxos e ilustracións. «Aínda que o meu futuro está na ensinanza, gústame poder expresarme emocionalmente e transmitir mensaxes a través dos meus garabatos», sinala Paloma, que escolleu un Kindle (libro electrónico) como premio.

O seu deseño irá nas camisetas coas que se agasallará ás persoas que participen nas actividades do Día das Letras Galegas 2025, que este ano se dedica a render homenaxe ás cantareiras, e á poesía popular oral medieval que acompaña á sociedade galega desde sempre).

Tracking Pixel Contents