Educación

No Rosal, o saber non entende de idade

As «Mareas de Coñecemento» volven achegar cultura, ciencia e saúde á veciñanza maior de 50 anos con tres novos seminarios

As Mareas de Coñecemento navegan polo saber alén dos 50.   | // D.P.

As Mareas de Coñecemento navegan polo saber alén dos 50. | // D.P.

d.p.

[O Rosal]

Chega ao Rosal unha nova edición das Mareas de Coñecemento, un proxecto da Universidade de Vigo en colaboración co Concello que volve ao municipio cunha proposta pensada para a veciñanza maior de 50 anos, que poderá formarse e descubrir temas de actualidade da man de profesionais de referencia nos meses de maio e xuño.

A iniciativa, que conta tamén coa colaboración da Asociación de Persoas Maiores do Rosal, incluirá nesta nova edición tres seminarios gratuítos teóricos e prácticos sobre saúde, benestar e actuación en caso de emerxencias. As actividades celebraranse no Centro Social Polivalente, agás unha andaina, e terán prazas limitadas, polo que será necesario realizar inscrición previa chamando ao Concello ao 986 625 000, de forma presencial no Rexistro Xeral ou contactando coa Asociación de Persoas Maiores no 646 633 958.

Como destacou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, para O Rosal «é un orgullo contar unha vez máis con este proxecto que pon en valor o coñecemento e promove un envellecemento activo, saudable e participativo». A rexedora anima a toda a veciñanza «a seguir formándose, compartindo e vivindo con curiosidade, sen que a idade supoña nunca unha barreira».

Tres seminarios

As Mareas de Coñecementos chegan con tres novos seminarios que arrancarán con «Cultura e saúde», centrado na relación entre cultura e benestar con dúas sesións complementarias. O martes 20 de maio o profesor da Universidade de Vigo José Luis García Soidán ofrecerá unha charla divulgativa ás 16.30 h que se complementará o xoves 22 cunha ruta de sendeirismo patrimonial circular e accesible de arredor de 9 km. O roteiro sairá ás 09.30 h dende a capela de San Vicente de Marzán e percorrerá espazos emblemáticos do Rosal, como o Alto da Campana.

En xuño chega a quenda de «Coñecendo a fraxilidade». O martes 10 de xuño ás 16.30 h a profesora da Facultade de Fisioterapia da Universidade de Vigo Irimia Mollinedo Cardalda impartirá unha sesión teórico-práctica para entender o que é a fraxilidade, como se diagnostica e trata e cal é a súa relación coa sarcopenia, a osteoporose ou as caídas nas persoas maiores.

A edición rematará con «Aprende a salvar unha vida» o martes 17 de xuño (16.30 h), unha formación práctica sobre soporte vital básico e uso de desfibriladores (DEA) a cargo dos profesores Eloy Carracedo Rodríguez e Adrián Gómez Silva, do grupo REMOSS da Universidade de Vigo. As e os participantes achegaranse aos pasos básicos para actuar en caso de parada cardíaca e practicarase a RCP.

Tracking Pixel Contents