Cultura
Mos celebra as Letras Galegas honrando ás cantareiras
A programación destaca pola súa dedicación á posta en valor das mulleres na lírica popular

Presentación da programación do Día das Letras Galegas. | // D.P.
d.p.
O Concello de Mos conmemorará o Día das Letras Galegas cun ambicioso programa de actividades culturais e lúdicas, centrado na figura das cantareiras galegas e no compromiso coa igualdade. Os actos, organizados pola Concellería de Cultura e o Centro de Información á Muller (CIM), desenvolveranse ata o 24 de maio, con propostas para todos os públicos.
Este ano, a Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas á poesía popular oral, representada polas cantareiras Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; Eva Castiñeira Santos, de Muxía; e Manuela Lema, Teresa García Prieto, Prudencia Garrido Ameixenda e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes das Pandeireteiras de Mens, de Malpica.
Programación
En homenaxe a todas estas mulleres transmisoras da tradición oral, o Concello de Mos organiza o festival A Ruada das Nosas Pandereteiras, que terá lugar hoxe, ás 11:30 horas, no Auditorio de Torroso.
O acto central da xornada será o concerto do grupo de cantareiras mosenses Arume, que se celebrará hoxe ás 19:00 horas, no exterior do Pazo de Mos. A formación, integrada por mulleres comprometidas coa música tradicional, será protagonista desta festa que pon en valor o legado cultural das cantareiras galegas.
A programación continúa mañá, cunha proposta pensada para o público familiar. Ás 17:00 horas, tamén no exterior do Pazo de Mos, representarase o espectáculo de monicreques Os Contos do Lobicán. Trátase dunha obra musical en verso, áxil e atrevida, dirixida a nenas e nenos de entre 3 e 10 anos. A montaxe, con texto de Eva Mejuto, gañador do XV Premio Barriga Verde 2022 e recoñecido como Mellor Espectáculo de Monicreques nos XXIX Premios de Teatro María Casares, revisita os contos clásicos desde unha perspectiva contemporánea.
Os Contos do Lobicán destaca polos seus valores educativos, promovendo a amizade, a cooperación, o respecto pola natureza, o pensamento crítico e a imaxinación. Inspirado no universo visual de Wes Anderson, o espectáculo aposta por unha escenografía colorida e coidada, que acompaña a unha narración que convida a reflexionar sobre o mundo actual e a imaxinar futuros máis xustos e inclusivos. A obra deixa unha mensaxe poderosa sobre a importancia das relacións persoais e a protección do medio ambiente.
Tamén mañá, ás 19:30 horas, o público adulto poderá desfrutar do humor co espectáculo Non me movas os marcos, a cargo do grupo de teatro de Mulleres en Igualdade de Mos. A actuación terá lugar no Círculo Cultural Abrente e consistirá nunha serie de monólogos que prometen risas e reflexións, ofrecidos por mulleres do municipio que participan activamente na vida cultural local.
Todas estas actividades, ademais de celebrar a lingua e cultura galegas, están enmarcadas nunha estratexia municipal que busca promover a igualdade e concienciar sobre a prevención da violencia de xénero. A través do apoio do CIM, o Concello de Mos garante que estas propostas culturais tamén contribúan a sensibilizar á veciñanza sobre estas temáticas fundamentais.
A programación foi presentada esta semana pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro; e integrantes do grupo Arume, que destacaron o compromiso do goberno local coa cultura galega, a igualdade e a promoción da identidade propia.
Como peche da programación, o sábado 24 de maio, ás 12:00 horas, terá lugar unha última actividade tamén dirixida ao público familiar: Un corazón á intemperie, que se celebrará no Pazo de Mos e que porá en valor a figura do gran Castelao. Esta proposta servirá de broche final a unha semana de celebración e reflexión ao redor da cultura galega e os dereitos das persoas.
Con este programa, o Concello de Mos aposta por unha celebración das Letras Galegas que recoñece as voces femininas da tradición oral, fomenta a participación de toda a cidadanía e incorpora a igualdade como piar esencial das súas políticas culturais.
- Irene Díez, ginecóloga: “La incontinencia urinaria no se soluciona con compresas, hay que acudir al médico”
- Sin fuegos artificiales ni alumbrado en las fiestas de Coia
- Hallan los cuerpos de Txell Fusté y Esteve Carbonell, desaparecidos en los Pirineos hace seis meses
- Ni medicina ni odontología: estas son las 2 únicas carreras con nota de corte superior al 13.0 en Galicia
- Si ves una cría de pájaro caída del nido, no la cojas: esto es lo que dice la Sociedad Española de Ornitología
- Devuelve la cartera de un joven de Aldán con el dinero que tenía para viajar a Tenerife: «¡Personas que son ángeles!»
- Paz Rodríguez abre en Vigo la primera tienda de su historia y mira a Asia para su expansión
- Oncología del Chuvi se despide de Gerardo Huidobro: «Su memoria nos servirá de guía»