Tradición

Malvela conmemora as Letras Galegas no Rosal

O auditorio municipal acolle mañá un concerto único deste grupo folk, homenaxe viva á música galega de raíz

Actuación do grupo Malvela.   | // PONTE NAS ONDAS

Actuación do grupo Malvela. | // PONTE NAS ONDAS

d.p.

[O Rosal]

Hai cancións que non precisan pentagramas para vivir, só voces que as lembren e corazóns que as celebren.

O Rosal conmemora este ano o Día das Letras Galegas coa música de sempre nun evento moi especial: o concerto gratuíto de Malvela, recoñecido grupo de folk galego formado por 13 cantareiras e 6 músicos, auténticas embaixadoras da tradición oral e musical de Galicia. O espectáculo será mañá, o domingo 18 de maio, ás 20.00 horas de balde.

No Auditorio Municipal soarán os ecos das cancións que as integrantes de Malvela aprenderon de pequenas, desas que se cantaban ao pé do lume ou nos traballos comunitarios, agora revividas con forza, frescura e alegría. Cunha posta en escena chea de vida, Malvela non só canta: rescata, coida e transmite o patrimonio inmaterial que dorme na memoria de Galicia.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, salienta que para O Rosal «é unha honra poder contar con Malvela neste día tan especial para a nosa cultura. Son un exemplo de compromiso coa lingua, coa música e coa identidade galega. Coas súas voces fan festa, fan memoria e fan país». Como destaca a rexedora, «queremos que este concerto sexa tamén unha homenaxe a todas esas mulleres que gardaron os cantos como quen garda sementes para que a cultural siga medrando xeración tras xeración».

O concerto promete ser unha viaxe sonora polo pasado e polo presente, cun repertorio que combina temas tradicionais con arranxos actuais que manteñen intacto o seu espírito. Malvela fará do escenario do Rosal unha verdadeira celebración da lingua e da música galega. O evento forma parte da programación do Concello para conmemorar o Día das Letras Galegas, este ano dedicado ás cantareiras e o seu legado.

Tracking Pixel Contents