Música

Micro aberto para cultivar o talento emerxente

A Feira estrea este formato o 10 de maio na Praza Pintor Antonio Fdez. de Goián

A Feira de Cultivos celebra o seu XX aniversario

A Feira de Cultivos celebra o seu XX aniversario

d.p.

[Tomiño]

A música tamén florece na Feira de Cultivos do Baixo Miño. Este ano, coincidindo coa celebración do seu 20 aniversario, o grande evento do sector agro estrea novos formatos para dar voz ao talento musical: unha sesión de micros abertos que converterá o escenario principal da feira nun espazo de creatividade.

A cita terá lugar o sábado 10 de maio ás 13.30 h na Praza Pintor Antonio Fernández, en Goián, e converterase nunha oportunidade única para que artistas emerxentes poidan compartir a súa música. Cada actuación terá unha duración de entre 5 e 20 minutos.

«A Feira naceu para conectar o noso territorio co sector agro, a innovación, o lecer e a cultura, e agora damos un paso máis abrindo tamén o escenario á participación directa», destaca a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, que convida a todas as persoas a subir ao escenario.

As inscricións para participar están xa abertas a través da web oficial da Feira de Cultivos, e cubriranse por orde de chegada. A organización facilitará o equipo técnico básico e acompañamento durante a actividade, para garantir unha experiencia profesional e acolledora.

Desde a Asociación de Cultivos do Baixo Miño, o seu presidente, Francisco Campo, subliña que esta proposta «é un novo paso na evolución da feira, que nos permite reforzar os lazos coa comunidade».

A sesión de micro aberto forma parte da programación da Feira de Cultivos que se celebrará do 9 ao 11 de maio.

Tracking Pixel Contents