Estudo

Entregadas máis de 100 tarxetas de acceso para a Biblioteca

A veciñanza pode acceder ao espazo cun sistema que amplía o horario

d.p.

[Salvaterra de Miño]

O Concello de Salvaterra de Miño vén de entregar máis de 100 tarxetas de acceso á Biblioteca Municipal, dous meses despois da posta en marcha dun novo sistema que permite o uso autónomo das instalacións.

Este método permite que as persoas usuarias poidan acceder á biblioteca mediante unha tarxeta persoal, sen depender do horario habitual de atención ao público. O obxectivo principal é facilitar un espazo de estudo con maior dispoñibilidade horaria para quen o precise.

O acceso coa tarxeta está dispoñible de luns a xoves entre as 08:00 e as 22:00 horas, e de venres a domingo de 08:00 a 00:00 horas. Pola súa banda, o horario de atención ao público mantense de luns a venres de 10:00 a 12:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e os sábados de 10:00 a 14:00 horas.

As persoas interesadas en obter a tarxeta poden solicitala a través dun formulario dispoñible na páxina web municipal ou recollelo directamente no Concello. Unha vez cuberto, o impreso deberá presentarse por rexistro ou a través da sede electrónica. Unha vez tramitada a solicitude, o Concello fará entrega da tarxeta correspondente. Este sistema busca fomentar o uso da biblioteca como espazo accesible e adaptado ás necesidades da veciñanza.

Tracking Pixel Contents