A singularidade da Semana Santa tudense

Forma parte da Identidade de Tui e compre a súa conservación

Procesión dos Pasos.   | // D.P.

Procesión dos Pasos. | // D.P.

RAFAEL S. BARGIELA*

Unha das tradicións tudenses máis senlleiras son as celebración litúrxicas da Semana Santa. A súa permanencia, afortunadamente aínda distante dos referentes doutras zonas da Península alleos as nosas prácticas tradicionais, posúe unha singularidade que, máis aló dos discursos e crenzas de cada quen, cómpre preservar na súa esencia pois forman parte da nosa identidade.

A Semana Santa tradicional está conformada por dous elementos: as representacións escénicas e as procesións, que comezan na Idade Media en toda Europa. Eran representacións de diferentes personaxes bíblicos, auténticos cadros viventes das diversas escenas da paixón de Cristo. Coa Contrarreforma, xurdida do Concilio de Trento no século XVI, as escenas realizadas por persoas deixan paso, pola presión eclesiástica e da Coroa, ás procesións con imaxes talladas que teñen o seu máximo esplendor no barroco. No século XVII o propio monarca Carlos II prohibe as chamadas «comedias de santos» no interior das igrexas para non alterar os oficios litúrxicos. Pero a forza destes costumes seculares perdura dentro dos novos esquemas, e así en moitos casos as representacións realizadas con figurantes deixan paso a escenas conformadas agora por imaxes ou grupos escultóricos testemuñando a súa antigüidade. Velaí o caso tudense.

A Semana Santa de Tui conserva aínda elementos relevantes destas antigas tradicións mesturadas con outros costumes de máis recente implantación. A representación do Horto das Oliveiras, que anualmente ocupa parte da Capela da Misericordia, o sermón do «Encontro», coa presenza da figura articulada do Nazareno, e finalmente o sermón do «Desencravo», cos seus elementos para-dramáticos, permiten albiscar a continuidade daquelas primixenias representacións teatrais, de orixe medieval, reformuladas ao longo dos séculos.

A primeira noticia que posuímos sobre unha procesión en Tui a recolle o historiador Suso Vila en 1371 ou 1381 na sesta feira dante de Ramos, no que hoxe denominamos venres de Dores. Posteriormente, recolle Iglesias Almeida, unha noticia de 1653, nun apunte no libro de contas da Confraría de Nosa Señora da Soidade de Tui que especifica os cartos a pagar a seis homes armados que acompañaban ao Santo Cristo no desfile procesional do Venres Santo xunto a unha «trompeta que fue tocando la bocina en la procesión» e máis dous tambores. Un cortexo procesional no que figuraba o Cristo xacente e a Virxe da Soidade, do retablo da Catedral tallado polo artista tudense José Domínguez Bugarín en 1694 .

Na actualidade as procesións da Semana Santa tudense están organizadas pola Confraría do Doce Nome de Xesús e Santa Casa de Misericordia, que é froito da unión de dúas anteriores irmandades con case catrocentos anos de antigüidade. No ano 1542, na igrexa de Santa María da Oliveira, fundouse a Irmandade da Santa Casa da Misericordia, seguindo os modelos desenvolvidos amplamente en Portugal. Aos poucos anos tivo de mudarse á parte posterior da Catedral onde levantaron a súa capela, que segundo reza na portada renacentista que se conserva edificouse en 1571 por Melchor Alonso Feal. Ao abeiro desta irmandade naceu en 1647 a Congregación do Doce Nome de Xesús, que xa en 1691 encárgalle ao escultor tudense José Bugarín unha imaxe dun Nazareno. Anteriormente, en 1645 fora creada a confraría de Nosa Señora da Soidade, con sede na catedral que organizaba a procesión do Santo Enterro na tardiña do Venres Santo.

No século XVIII a Irmandade do Doce Nome saia en procesión no Venres Santo incluíndo a representación do «Encontro», entre Cristo e a súa Nai. Este Sermón conserva hoxe unhas escenas para-teatrais (coas caídas de Cristo gracias á imaxe articulada do Nazareno ou a chegada da Verónica que descobre o seu pano coa face de Xesús), un costume multisecular nas celebración da Semana Santa tudense. Unha procesión enriquecida coa imaxe da «Dolorosa», obra de Agustín Querol, un dos mais grandes escultores do século XIX español. A presenza dos populares «romanos» é outro compoñente alusivo a ese carácter de representación escénica. Incluso a serodia presenza nos desfiles procesionais tudenses de «encapuchados» avalan estas afirmacións.

A 1818 corresponde a data máis antiga que coñecemos sobre o «Horto da Oliveiras» pois daquela o artista Juan Rial pinta uns chanzos para esta escena e, alo menos, dende aquela data segue presente anualmente na Capela da Misericordia. Cabe lembrar, nesta mesma liña, como ata principios do século XX aínda figuraban na procesión do Santo Enterro diversos figurantes representando a variados personaxes do Antigo e do Novo Testamento que tiñan referencia aos misterios da paixón de Cristo.

Outro elemento senlleiro das tradicións desta Semana Santa tudense é o «Monumento» que a xeito de retablo montábase anualmente na nave norte do cruceiro catedralicio, consonte ás disposicións canónicas da Contrarreforma. Este «Monumento» é obra do escultor Juan Luís Pereira de Santo Adrián de Cobres realizado no ano 1775; a súa parte superior é fixa e está situada sobre a porte norte da Catedral, namentres que a parte inferior era montada anualmente para a reserva eucarística do Xoves Santo. Na actualidade permanece montado todo o ano, aínda que o tramo final deste Monumento xa non se emprega para preservalo do deterioro. É unha obra singular tanto pola súa iconografía e a súa monumentalidade, como polo feito de que na actualidade é a Catedral tudense a única española que conserva este «Monumento», resultando pois un compoñente certamente orixinal da nosa Semana Santa.

Sirvan estas notas para resaltar coma as tradicións da nosa Semana Santa testemuñan vellos costumes que non están referidos unicamente a un fenómeno relixioso e que na nosa cidade gracias ao labor da Irmandade do Doce Nome de Xesús e Santa Casa da Misericordia se teñen revitalizado. Forman parte do noso acervo patrimonial pois evidencian a dilatada historia tudense e que cómpre preservar e enriquecer, como resulta neste ano coa incorporación do novo desfile procesional da Oración do Señor no Horto, na tardiña do Xoves Santo.

*Do Instituto de Estudos Tudenses

Tracking Pixel Contents