GUERRA CIVIL

A represión franquista, a estudo nas «Xornadas da Memoria»

En Salceda xa se coñecen 40 vítimas mortais e en Salvaterra 31

Un grupo de participantes nas Xornadas da Memoria de Salceda.   | // FDV

Un grupo de participantes nas Xornadas da Memoria de Salceda. | // FDV

D.P.

[Salceda]

Ao longo das Xornadas da Memoria organizadas en Salceda de Caselas a fin de semana pasada, entre o 11 e o 13 de abril, desenvolvéronse unha serie de actividades variadas que tiñan como finalidade mostrar a verdade do que pasou no 36, dar a coñecer as vítimas mortais da represión nesta zona e obter ideas para imaxinar como facer posible que a Volta da Moura se convirta nun lugar da memoria emblemático de cara ao futuro.

O venres inaugurouse unha exposición na entrada do Auditorio Municipal, que estará aberta ata o 25 deste mes. A mostra titulada «Olladas apagadas» centrase nas vítimas mortais da organizada represión que se exerceu nas tres comarcas do sur da provincia de Pontevedra entre 1936 e 1939. Según a Comisión de Recuperación da Memoria Histórica Baixo Miño, O Condado e A Louriña, a cifra de vítimas que se barallaba nas primeiras investigacións hoxe está amplamente superada porque o número de vítimas mortais validadas é moitísimo máis alto. Moitas destas vítimas asasinadas foron soterradas en fosas comúns en diferentes lugares do sur de Pontevedra, como na fosa de Cabreira, recentemente exhumada. E dado que as xornadas se celebran no concello salcedense tamén se lle dedicou un panel ás 40 vítimas mortais deste municipio con retallos da súa biografía, así como ás 31 da veciña Salvaterra.

Na mesma noite do venres presentouse un vídeo, elaborado coas imaxes de Santiago Baz Lomba, sobre os traballos da exhumación levada a adiante por HISTAGRA e o IMELGA na fosa de Cabreira no pasado mes de novembro. No vídeo resúmese o que significou para a Comisión da MH do Baixo Miño, O Condado e A Louriña e, especialmente, para os veciños de Cabreira o inicio destas escavacións e o achado de catro das cinco vítimas alí soterradas, hai máis de 89 anos.

A mañá do sábado estivo dedicada a presentar diferentes visións arredor de dous temas centrais: As exhumacións e a sinalización de Lugares da Memoria.

No tema das exhumacións os convidados foron Andrea Moreno, Tono Vizcaíno, de Valencia, e Gustavo Hervella de HISTAGRA. Os valencianos centraron a súa charla no que sucedeu en Paterna, localidade próxima á cidade de Valencia, coñecida como o paredón do terror ou o paredón de España. Nesta localidade, a diferenza do que ocorreu noutros lugares do Estado, houbo unha terrible represión despois de rematada a guerra en 1939 e durante a ditadura. Os investigadores citados mostraron ao público como artellaran unha grande exposición con obxectos das vítimas que rescataran na exhumación dalgunhas das 150 fosas, que podían ter máis de seis metros de profundidade, e nas que mal enterraron a máis de 2.400 vítimas. Esta magnífica exposición foi elaborada por un grupo multidisciplinar cunha finalidade reparadora para as familias das vítimas. E Gustavo Hervella explicou o plan elaborado desde a USC desde o 2021 ao 2024 para traballar coa exhumación de fosas en Galicia, como a do Val en Narón, e cales foron os criterios seguidos e os resultados obtidos dado que en Galicia a conservación dos restos mortais non é tan doada como noutros lugares da península.

O segundo tema da mañá do sábado foron os Lugares da Memoria. Estiveron como convidados Pedro Rascón, de Navarra, que explicou a importancia de ter unha lei progresista como a Lei da Memoria de Navarra e como se clasifican os lugares da memoria desde esa Lei. O representante da asociación de familiares fusilados de Navarra (AFFNA36) mostrou especialmente o que fixeron as asociacións navarras coa axuda do goberno foral en lugares hoxe emblemáticos como o Parque de la Memoria en Sartaguda, un lugar simbólico porque nesa viliña fusilaron á maioría dos homes e hoxe é coñecida como «el pueblo de las víúdas». En representación dun espazo memorialístico en Galicia estivo Carlos Solla, de Cerdedo, que doou unha leira propiedade súa para ir colocando laudas ou pedras mortuorias en lembranza de persoas represaliadas como a do poeta Xosé Otero Espasandín, morto no exilio. E finalizou esta segunda charla Loli Castiñeira,alcaldesa de Salceda, para presentar o proxecto de converter o lugar da Volta da Moura nun espazo da memoria emblemático cun maior contido memorialístico en colaboración cos concellos limítrofes.

Á tarde, na propia Volta da Moura, onde xa hai un monumento aos paseados, X.R. Paz Antón explicou aos presentes a historia e significado do lugar de resistencia ao exército sublevado en 1936. E o día acabou cunha obra de teatro en homenaxe a dous personaxes ligados a Salceda: Florentina Fernández Alonso e Amador Rodríguez Solla. A primeira é unha muller natural de Redondela e veciña de Mos, que foi asasinada en San Estevo de Budiño o 2 de xaneiro de 1937, despois de que os falanxistas queimasen a súa casa co seu home alí entobado. E o segundo é un coñecido salcedense co alcuño de Tarzán, que sufriu moitos anos de cadea no penal de San Cristobal en Pamplona.

A obra de teatro con estes dous protagonistas foi escrita ex profeso para estas xornadas pola escritora Raquel Castro. Á estrea asistiron as familias de ambos homenaxeados. Foi un momento moi emotivo e reparador, de dignificación das dúas vítimas que representan a moitas outras máis.

Ao día seguinte fíxose un roteiro, guiado por Marcos Besada, desde a ponte da senda do Caselas ao espazo da memoria dedicado aos 4 canteiros da Picoña paseados en novembro de 1936. Á beira do muíño de Marcial hai un espazo de reflexión no que hai erguido un monumento, obra de Manolo Sestelo, e unha placa en lembranza destes catro homes asasinados en Salceda, un municipio con moitas canteiras e canteiros, gremio duramente represaliado en moitos lugares tralo golpe de Estado do 36.

Estas Xornadas, financiadas coa colaboración do Ministerio de Memoria Democrática e o Concello de Salceda, contaron con actividades moi diferentes que tiveron moito éxito e foron seguidas por un numeroso público. O máis importante é que se lograron os obxectivos marcados, que eran fundamentalmente tres: mostrar a verdade da represión no sur de Galicia, dignificar ás vítimas e procurar novas ideas para futuros traballos memorialísticos. O último día destas xornadas será o 25 de abril coa charla de Fernando Serrulla, antropólogo forense do IMELGA, ao alumnado do IES Pedras Rubias, pola mañá, e pola tarde, en Salvaterra de Miño, no salón de plenos ás 19:00h, onde tamén se proxectará o vídeo da fosa de Cabreira.

Tracking Pixel Contents