Música

Nigrán estrea mañá o seu primeiro ciclo de Clásica

O concerto inaugural virá da man de Nerea Rodríguez, cun cuarteto de corda

Nerea Rodríguez co seu acordeón.   | // D.P.

Nerea Rodríguez co seu acordeón. | // D.P.

d.p.

Artistas premiados internacionalmente protagonizarán o primeiro ciclo de música clásica organizado polo Concello de Nigrán.

A cita inaugural será co concerto de fin de ano da acordeonista Nerea Rodríguez acompañada do cuarteto de corda liderado por Ana Shi, mañá no Auditorio Municipal ás 20:00 horas. As seguintes terán lugar o 26 de xaneiro coa violinista polaca Julia Blachuta e o pianista pontevedrés Severino Ortiz e o 1 de marzo, na Igrexa de Santiago de Parada, coa Orquesta Barroca Vigo 430 acompañada pola violinista catalana Anna Urpina á dirección e a soprano valenciana Aurora Peña. Todos os concertos serán con entrada de balde ata completar aforo.

«Estreámonos con artistas premiados internacionalmente para ofrecer un ciclo gratuito de gran calidade que repetiremos anualmente, igual que o Primavera de Jazz», explica o alcalde, Juan González, quen incide na gratuidade e na proximidade dos mesmos. «Temos unha Escola Municipal de Música cun alumnado activo e numeroso que demanda este tipo de ciclos para poder ampliar a súa formación, está pensado neles e na veciñanza en xeral», explica.

Nerea Rodríguez

Nerea Rodríguez iniciou os seus estudos musicais en Pontevedra con M. Padrón, continuando a súa formación no Conservatorio Superior de Música de Aragón. Ten sido galardoada en diversos concursos nacionais e internacionais, entre os que destacan: o Certame de Arrasate, o Concurso Internacional de Música de Cámara Ciudad de Vinarós e o IMKA Competition. Membro de diferentes formacións, participou en destacados festivais e ciclos de concertos a nivel internacional e nacional: Akkordeon International Festival (Kiev), Armi Hall (Saraievo), Festival Internacional de Música de Cámara de Vinarós (Valencia), Festival Internacional de Música de Cámara de Mendoza (Arxentina), Conservatorio Nacional de Acordeón (Chile), Festival Electrocution (Francia)...

Nerea mantén un forte compromiso coa música contemporánea, estreando obras de máis dunha quincena de compositores. O seu último traballo é co Dúo Xistra, titulado Boundar(ii)é, que inclúe composicións creadas especificamente para o dúo.

Tracking Pixel Contents