Memoria

Nigrán entra a formar parte do proxecto europeo «stolpersteine»

O momunento instalouse en honor de Jaime Martínez Pereira

Colocación do «stolpersteine».   | // D.P.

Colocación do «stolpersteine». | // D.P.

d.p.

O Concello de Nigrán inaugurou esta semana un «stolpersteine» para que a veciñanza «tropece coa Historia máis vergoñenta da Europa moderna». Unha pedra no camiño fabricada artesanalmente recorda na contorna da que foi a súa casa a Jaime Martínez Pereira, veciño de Gaifar (Panxón) asasinado en Mauthausen. Este domingo 29 de decembro cúmprense 83 anos da súa morte e é a única víctima do Val Miñor da que se ten constancia de que faleceu nun campo de concentración nazi. O Concello de Nigrán xa lle adicara unha placa no 2017 e agora entra a formar parte do maior monumento descentralizado do mundo, os «stolperstein», cubículos fabricados artesanalmente por Gunter Denming de 10 centímetros cadrados cunha base de bronce con datos inscritos que recordan nos seus domicilios ás vítimas do holocausto. Creado no ano 1992, actualmente hai máis de 72.000 repartidos por máis de 20 países de Europa, sendo este o primeiro do Val Miñor.

«Desde o Concello de Nigrán mantemos un compromiso coa recuperación da memoria histórica, polo que solicitamos entrar a formar parte deste proxecto europeo para non esquecer a barbarie», explicou o alcalde e historiador, Juan González, durante a colocación.

Jaime Martínez Pereira

Jaime Martínez Pereira nace o 30 de abril de 1917 no barrio de Gaifar.

Grazas á memorialista María Torres, sabemos que no Expediente de Quintas consta na relación de mozos aos que lles corresponde alistarse na substitución de 1938 en Mariña pero non se chega a incorporar.

A última familiar directa de Jaime, Elvira Farias, explicou no recoñecemento realizado polo Concello en 2017 que pensaban que Jaime morrera durante a Guerra Civil, relatando que «eran sete irmáns e todos morreron moi novos. Un deles, queimado aos 3 aniños».

Os documentos conservados en ITS Arquives, Bad Arolsen, informan do seu confinamento no Stalag VD Estrasburgo, situado na cidade francesa do mesmo nome anexionada como capital de Alsacia ao Terceiro Reich en xuño de 1940, onde queda rexistrado co número 3072. O 11 de decembro de 1940 sobe a un tren en Estrasburgo con outros 846 prisioneiros con destino a Mauthausen, campo ao que chega dous días despois. Á súa chegada é rexistrado como pescador de profesión e número de matrícula 5120. Catro meses máis tarde, o 8 de abril de 1941 é transferido ao Block 20 (matrícula 11886) de Gusen (campo de concentración ao este da cidade austríaca de Linz e dependente directamente de Mauthausen). Perece o 29 de decembro de 1941 no block 20 por mor dunha «pneumonía». Un día despois procédese á cremación do seu corpo.

O certificado de defunción expedido polas autoridades de Mauthausen ten data do 2 de decembro de 1942.

Tracking Pixel Contents