Ciclismo

Mos volverá protagonizar La Vuelta na súa 80ª edición

En 2025 a localidade será meta da etapa 16, procedente de Poio

La Vuelta ao seu paso por Mos en 2021 // D.P.

La Vuelta ao seu paso por Mos en 2021 // D.P.

d.p.

Vén de facerse público que o Concello de Mos voltará a ser protagonista, por terceira vez, de La Vuelta Ciclista a España. E é que a localidade mosense será chegada da etapa 16 da edición 80 de La Vuelta que terá lugar en 2025. Trátase da etapa Poio-Mos, que se celebrará o martes 9 de setembro.

A etapa de Mos será a número 16 e contará cunha lonxitude de 172 km. Trátase dunha etapa de Media Montaña que sairá de Poio, pasando por Pontevedra, Arcade, Pazos de Borbén, Ponteareas, Salceda de Caselas, Tui, Alto de San Antoniño, Baiona, Alto da Groba, Tebra, Alto de Prado e meta de novo en Mos-Castro de Herville.

A etapa anterior, a número 15, será A Veiga/Vegadeo-Monforte de Lemos; e a seguinte, a etapa 17: O Barco de Valdeorras-Alto de El Morredero. Ponferrada.

Que Mos volva ser meta en La Vuelta 25 «é froito do amor e a aposta decidida de Óscar Pereiro polo seu pobo e froito tamén da confianza depositada por Javier Guillén en Galicia en xeral, como zona histórica e recurrente de paso de La Vuelta; e en Mos en particular» declarou a este respecto a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo.

A rexedora local aproveitou para destacar que «desde o Concello de Mos estámoslle inmensamente agradecidos a Óscar Pereiro por ser o primeiro e principal valedor da nosa vila, de Mos, nesta fazaña deportiva que volve a situar a Mos no mapa e a convertilo xa, indiscutiblemente, en emblema nacional do ciclismo». E declarouse «satisfeita e enormemente orgullosa de que La Vuelta volte a elixir a Mos dentro do seu percorrido e ademais por terceiro ano, facendo de novo a Mos protagonista». E insistiu Arévalo en que «esta é unha gran sorpresa, un gran agasallo de Nadal para todos os mosenses, un agasallo moi especial e inesquecible, poder volver a ser chegada dunha etapa de La Vuelta Ciclista a España».

La Vuelta é a carreira ciclista profesional máis importante de España e unha das máis importantes do mundo. É a única proba de estrada de tres semanas, xunto ao Giro d’Italia e o Tour de France.

Tracking Pixel Contents