Deporte

Juan Ferrón nadará no mundial de Singapura

O nadador do club mosense competirá nos 100 metros bolboreta

Juan Ferrón.   | // D.P.

Juan Ferrón. | // D.P.

d.p.

O Nadador do Club Natación Mos, Juan Ferrón, volve demostrar a súa consolidación na elite mundial tras sacar o billete para o Mundial de Singapura 2025, que será o seu terceiro Campionato do Mundo, malia a curta idade coa que conta o deportista, de tan só 21 anos.

Con 22 recentemente cumpridos chegará á cita singapuriense na súa proba fetiche, os 100 metros bolboreta, onde logrou quedar en sétima posición nos Xogos Paralímpicos de París 2024.

A marca mínima acadouna no Trofeo Mareastur, onde o nadador do Club de Natación Mos conseguiu un total de tres medallas: dúas de ouro e unha de prata, que poñen de manifesto o seu gran estado de forma tras os Xogos Olímpicos.

A pasada semana, en Castelló, no Trofeo Internacional Castalia, alzouse como segundo mellor nadador do Campionato, sendo só superado polo medallista olímpico Kike Alambra, e onde deu gran proba da súa versatilidade como nadador nadando probas diferentes ás habituais, e onde logrou colocarse sempre nos postos de honra.

Durante o percurso desta fin de semana, Ferrón nadará no Campionato Galego Absoluto, onde concentrará as súas enerxías na procura doutro dos seus grandes obxectivos, acadar o billete para o Campionato de España Absoluto en categoría convencional, da que se atopa a unhas escasas dúas décimas; pois o deportista compite tanto en natación adaptada como en convencional.

Juan Ferrón foi o primeiro deportista do Club Natación Mos en clasificarse para os Xogos Paralímpicos co equipo nacional en dúas categorías distintas; consagrándose coma un dos mellores nadadores a nivel internacional na categoría S-13.

Os resultados de todos e todas as nadadoras do club foron moi destacables este ano, chegando a lograr entre todos cerca dunha vintena de medallas en diferentes categorías.

Tracking Pixel Contents