Fotografía

O concurso “Calendario Concello de Covelo” xa ten gañadores

A veciñanza pode recoller o calendario no Concello pola mañá ou nos negocios de hostalaría de todas as parroquias despois do Nadal

Fotografía gañadora do concurso.   | // MIGUEL FERNÁNDEZ RODRÍGUEZ

Fotografía gañadora do concurso. | // MIGUEL FERNÁNDEZ RODRÍGUEZ

d.p.

Miguel Fernández Rodríguez gaña con «Camiñando pola neve» o quinto concurso de fotografía «Calendario do Concello de Covelo» para o ano 2025. O segundo premio foi para Rosa María Tielas Conde con «Sendeiro hacia o río de Castro» e o terceiro para María Jesús Lago Feijoo con «Pacendo no Suído».

Dar a coñecer a riqueza natural, histórica e etnográfica do Concello de Covelo é un dos obxectivos do calendario que repartirá co novo ano o Concello entre a súa veciñanza. Calquera persoa empadroada pode achegarse en horario de mañá de 9 a 14 horas ao Concello e facerse con este primeiro agasallo de nadal que distribúe a administración local.

O xurado formado polos fotógrafos Julio Eiroa e Emilio Rodríguez e a xornalista Amparo Rodríguez tiveron en conta ademais das cuestións técnicas, a creatividade e a composición do relato fotográfico, entre outros aspectos que farán que o calendario do ano 2025 amose unha pequena selección de paisaxes e momentos fermosos vividos no concello.

A concelleira de Turismo, Lourdes Enes, responsabilidade que comparte co alcalde Pablo Castillo agradeceu ás persoas participantes o seu traballo e destacou o grande número de fotografías recibidas sendo cada ano maior.

«Todas as persoas veciñas de Covelo formamos parte dunha comunidade que vive nun lugar fermoso que temos a obriga e a responsabilidade de coidar, respectar e mellorar. E podemos facelo a través da nosa participación en colectivos, ou simplemente cultivando as nosas relacións sociais e culturais e compartindo as celebracións e festas populares coa intención de mellorar o noso sentimento de pertenza a unha colectividade», sinala o alcalde Pablo Castillo.

O calendario entra agora en proceso de impresión e o Concello de Covelo anunciará na súa páxina web o día a partir do que se poderá recoller nas oficinas municipais. A veciñanza poderá recollelo na Casa do Concello en horario de mañá ou nos negocios de hostalaría de todas as parroquias despois das datas de Nadal.

Tracking Pixel Contents