Solidariedade

As doazóns cañicenses fronte á DANA, xa nos fogares valenciáns

A Cañiza fletou un camión cun total de catorce palets de material

Representantes municipais fronte ao camión de doazóns.   | //D.P.

Representantes municipais fronte ao camión de doazóns. | //D.P.

d.p.

O camión que transporta as doazóns dos Concellos de A Cañiza e Melón xa está en Valencia. Así o informou o Alcalde Luis Piña, quen durante todo este tempo estivo en contacto coa Federación Valenciana de Municipios e Provincias, entidade encargada de canalizar este tipo de cooperación, para a súa entrega ás persoas afectadas pola Dana sufrida o pasado 29 de outubro na Comunidade Valenciana.

Como xa comunicara o Alcalde o pasado 5 de novembro, a Federación Valenciana, en coordinación cos responsables da distribución das axudas materiais, indicaron a todos os Concellos que se agardara ao aviso de envío das doazóns, para optimizar a loxística e almacenamento dos produtos.

Durante estas semanas todas as doazóns da veciñanza cañicense, conseguidas a través do CB Cañiza coa colaboración do Concello, estiveron depositadas e custodiadas en instalacións municipais ata este luns, en que se fletou un camión entre o Concello da Cañiza e de Melón para o envío conxunto de todas as axudas; cun total de 14 palets de material (10 procedentes das doazóns dos veciños da Cañiza e 4 palets aportados polo Concello de Melón).

Desde o Concello, quérese transmitir á cidadanía o agradecemento da FVMP e da Generalitat Valenciana pola colaboración desinteresada para doar e enviar produtos e alimentos a todas as persoas afectadas pola Dana sufrida na Comunidade de Valencia; así como agradecer especialmente ao Club Balonmán Cañiza por implicarse na organización da recollida de alimentos e produtos, e a toda a veciñanza que aportou doazóns

Tracking Pixel Contents