Igualdade

Feminismo para comezar o novo curso

Priscila Retamozo e Cristina Louzán impartirán en Tui un curso de Introdución á Teoría Crítica Feminista

Priscila Retamozo.   | // FDV

Priscila Retamozo. | // FDV

d.p.

O Concello de Tui, a través da concellería de Igualdade, co financiamento do Plan Corresponsables da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, organiza un Curso de Introdución á Teoría Crítica Feminista que se vai celebrar os xoves do mes de setembro.

As expertas en igualdade Priscila Retamozo e Cristina Louzán impartirán esta actividade formativa que ten por obxectivo achegar as principais correntes de pensamento feminista e contextualizar historicamente as diferentes “ondas do feminismo”. Ao longo de cinco sesións, exploraranse as contribucións intelectuais de figuras relevantes, promovendo a reflexión crítica sobre os debates actuais no seo do feminismo. Ademais, fomentarase a capacidade de aplicar conceptos teóricos á vida cotiá e crearase un espazo seguro para a reflexión, onde estarán presentes as dinámicas de coidado.

O curso celebrarse na Sala Félix Rodríguez, no edificio Francisco Sánchez, os xoves 5, 12, 19, 26 e 30 de setembro en horario de 19 a 21 h. Abordará ao longo de cinco módulos “Os comezos”, “Primeira onda”, “Segunda onda”, “Terceira onda” e “Cuarta onda” para explorar as principais correntes de pensamento feminista, desde os seus comezos ata os debates contemporáneos.

Priscila Retamozo Ramos é Politóloga (USC), conta coa Mestría en igualdade (UMA), é autora de libros de coeducación, realizou unha estancia na ONU Mulleres (2018) e foi recoñecida co Premio Emilia Pardo Bazán no País das Rías. Pola súa banda Cristina Louzán García é axente de igualdade especializada en teoría feminista (UDC), coordina proxectos e imparte formacións de igualdade para organizacións e cidadanía.

Esta actividade gratuíta conta con prazas son limitadas que se cubrirán por orde de inscrición. As persoas interesadas poden inscribirse no formulario https://forms.gle/iftzbLHkz4g91Dyd9, no Centro Municipal de Formación, en Guillarei, ou no teléfono 986 60 39 48. A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, salienta coma este curso de Introdución á Teoría Crítica Feminista “é unha oportunidade única para afondar nos debates máis actuais sobre igualdade e dereitos das mulleres”. Por iso convida a inscribirse neste espazo de aprendizaxe e reflexión. Lembra Ana Núñez coma ao longo do ano o Concello de Tui desenvolve distintas iniciativas para promover á igualdade, tanto para o público en xeral coma para a poboación escolar, co obxectivo de lograr unha sociedade máis xusta e igualitaria”.

Tracking Pixel Contents