Unha mirada en feminino

Acto inaugural da mostra que pode visitarse no Paseo Ribeira de Baiona ata o día 8 de xullo.   | // FDV

Acto inaugural da mostra que pode visitarse no Paseo Ribeira de Baiona ata o día 8 de xullo. | // FDV

d. p.

“Pontevedra e América. Unha mirada en feminino” é o título da mostra itinerante, da Deputación e da Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago de Compostela (USC), quen aterrou en Baiona para quedarse uns días, concretamente ata o vindeiro 8 de xullo, ata cando se poderá visitar no Paseo Ribeira.

O obxectivo desta exposición é poñer en valor a historia de trece mulleres cuxo nexo de unión é a emigración e a relación entre Pontevedra e o outro lado do Atlántico.

Bernarda Pereira, Blanca Rodríguez, Margarita Bilbatúa, Sofía Novoa, Concepción Pazo, Chita Lamas, Rosina Villaverde, Antía Cal, Reyna Pastor, Concha Nogueira, Isaura Abelairas, María Xosé Porteiro e Noemí Cendón son as protagonistas da exposición. Mulleres, todas elas, para as que Pontevedra marcou unha parte importante da súa experiencia vital e, ao mesmo tempo, mantiveron vínculos e vivencias en terras americanas. O tempo transcorrido en Pontevedra e o vivido en América, se ben distintos en época, duración ou circunstancias persoais, entre outros factores é o que as une a todas. Para unhas América constitúe o seu lugar de nacemento, outras mantiveron unha intensa e prolongada vivencia naqueles países, sendo noutros casos a estadía máis curta, pero non menos intensa.

O acto inaugural da mostra arrancou cun faladoiro para render homenaxe ás mulleres que forman parte da mostra no Museo da Navegación, no que tamén participaron María Cadaval, directora da Cátedra Iberoamericana; Mª Xosé Rodríguez Galdo, catedrática emérita de Historia e Institucións Económicas da USC, e María Xosé Porteiro, adxunta á Valedora do Pobo.

“Cando pensamos na emigración acostumamos esquecer o papel que desenvolveron as mulleres”, indicaba a deputada de Igualdade, Sandra Bastos no acto inaugural. “Elas foron fundamentais e desempeñaron un papel decisivo para o desenvolvemento da vida económica, social e tamén persoal de Galicia e América, marcando fitos en diferentes ámbitos como a educación ou a defensa da lingua”.

Tras pasar xa por Pontevedra, Vigo, Lalín, Cerdedo-Cotobade, O Porriño e chegar agora a Baiona, a mostra “Pontevedra e América. Unha mirada en feminino” continuará neste 2024 o seu percorrido polos concellos da provincia.