Educación

A ópera, instrumento de inclusión no instituto

Alumnado de 2º da ESO participa no Proxecto LÓVA creando a súa propia peza musical

Alumnado que integra a compañía “Escénico Pánico”.  | // FDV

Alumnado que integra a compañía “Escénico Pánico”. | // FDV

d. p.

A ópera como vehículo de aprendizaxe. Ese é o obxectivo do Proxecto LÓVA (A ópera, un vehículo de aprendizaxe) do Teatro Real de Madrid, unha iniciativa na que se embarcou de pleno este curso o alumnado do IES Antón Alonso Ríos e que a través da creación e representación dunha obra de teatro musical ofreceu unha experiencia inclusiva e plural da educación como instrumento de integración e desenvolvemento das capacidades individuais e colectivas.

Con este obxectivo naceu Escénico Pánico, unha compañía de ópera formada por un grupo de estudantes de 2º da ESO que foi quen de escribir o libreto, preparar a escenografía, deseñar e montar iluminación e efectos especiais, compoñer música e letras e mesmo encargarse da produción, rexiduría, comunicación e documentación do proxecto.

O resultado é un proxecto común que rematou nunha representación dunha obra propia e única na que todos os estudantes participaron sen exclusións. Un labor de aprendizaxe por proxecto que abriu a aula ás emocións, ao esforzo compartido e ao descubrimento e aceptación de todas as capacidades.

Logo de estrear a obra ante o alumnado e o profesorado do IES Antón Alonso Ríos, a compañía subiuse ao escenario do auditorio municipal de Goián para abrir a súa ópera a todos os públicos.

19 centros en Galicia

Este curso participaron no progRama LÓVA un total de 469 alumnos, 53 docentes e 19 centros de toda Galicia, entre os que se atopa este de Tomiño, o IES do Barral de Ponteareas e o CPI da Cañiza.