Música

“Sons do Casco” abre o Baiverán

Nove escenarios acollen, hoxe e mañá, 16 concertos

Acto de presentación da ruta musical Sons do Casco 2024 no Concello de Baiona.   | // FDV

Acto de presentación da ruta musical Sons do Casco 2024 no Concello de Baiona. | // FDV

d. p.

O Concello de Baiona xunto coa Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (Aceba), e co apoio institucional da Deputación Provincial de Pontevedra, a través do Plan + Provincias 2024, organiza a ruta musical “Sons do Casco”. Enmarcada na programación Baiverán 2024, co obxectivo fundamental de dinamizar e desestacionalizar a oferta cultural e de ocio baionesa, a iniciativa alcanza xa a novena edición.

Dende as concellerías de Festexos e Comercio indican que, deste xeito, dáse o pistoletazo de saída á programación estival que abrangue os meses de xuño, xullo, agosto e setembro, no que a Concellería de Festexos, dirixida por Ruth Álvarez González, está perfilando os últimos detalles de cara á presentación oficial que en breves días se dará a coñecer.

Esta nova edición de “Son do Casco” celébrase esta fin de semana. A música en directo comezará a soar este mediodía da man de Pacheco Bros na rúa Diego Carmona, prolongarase ata 22.30 horas con diversas actuacións e retomarase mañá, tamén ás 12.00 horas, con Adolfo FH na rúa Xogo da Bola, ata as 21.20 horas, que será cando Llorente & Tribu peche esta novena edición nos Xardíns da Casa da Navegación.

Será unha fin de semana repleta de música en directo no que participarán un total de 16 grupos e artistas con diferentes estilos como o jazz, blues, folk, country, flamenco, pop-rock e rock and roll, entre outros. Eles son Pacheco Bros, Up 2 You, Diego Caride, Los Sergios, Sin Reserva Acústico, Pa Ti Na Má, Micalip’s, Three Roosters, Adolfo FH, Bela & Charlo, Pablo Alonso, The Travelers, Noallkansas, El Hechizo de Nora, Rukan Rock & Blues e Llorente & Tribu. Todo eles farán cadansúa actuación de entre 50 minutos e unha hora.

O obxectivo é encher de música as nove prazas e rúas máis emblemáticas e senlleiras do casco histórico baionés que albergarán estas actuacións, e que son Padre Fernando, Ventura Misa, Diego Carmona, Lorenzo de la Carrera, Xogo da Bola, os Xardíns da Casa da Navegación, a Praza Fonte de Zeta, a Alameda Carabela Pinta e a rúa San Xoán.