Ralli artístico e feminino por Salceda

Cultura

As exhibicións tiveron lugar en distintos puntos da vila.   | // D. P.

As exhibicións tiveron lugar en distintos puntos da vila. | // D. P.

d. p.

Un ralli, aínda que sen coches e sen competición, e con sete paradas artísticas moveu a un cento de persoas polas rúas de Salceda de Caselas. Tratouse da primeira edición dunha iniciativa cultural e en clave feminina organizada polo colectivo ACDE Treze Catorze, en colaboración co Concello de Salceda de Caselas, un Ralli Cultural de Mulleres Rurais e Creativas.

Ralli artístico    e feminino    por Salceda

Ralli artístico e feminino por Salceda / d. p.

Un cento de persoas participaron deste percorrido a pé pola Esfarrapada con paradas en espazos emblemáticos da vila que, precisamente, non sempre se dedican a eventos como tal, abranguendo dende o teatro, a música, a fotografía, a pintura, a danza e a literatura.

Unha explosión de talento protagonizada por un total de 13 mulleres salcedenses que agardaban en cada unha das paradas para amosar o seu bo facer en cadansúa especialidade artística.

Unha vez tomada a saída no Carreiro do Rollo, a primeira pausa fíxose na biblioteca, alí Begoña Gil, funcionara da Xunta de Galicia e preocupada polos asuntos sociais, camiñante polos montes de Salceda e arredores e escritora afeccionada a novela negra leu un fragmento de “Esto no es el CSI”, primeira entrega da saga da inspectora Lila Madrigal, ambientada nun pobo que podería ser perfectamente Salceda de Caselas.

Mónica López e Aurora Canabal agardaban no seguinte receso, localizado no camerino do auditorio. Alí, mestra de música en movemento e frautista a primeira e graduada social e música de nacemento a segunda, deleitaron ao público con música clásica. E na entrada do mesmo auditorio estaban Nerea Pérez, David Iglesias e Laura Garrido, socias da ACDE Treze Catorze, que partindo dun texto de Julio Cortázar, mediante unha peza de microteatro, demostraron que, no noso día a dia, subir unha escaleira non é tan sinxelo como pode parecer.

A praza de abastos, con música tradicional, foi a seguinte parada, onde Noelia Rodríguez, muller rural e emprendedora, gaiteira, pandereteira e cantareira, e Rosa González, integrante dos grupos Donicelas e A Fume de Carozo de Soutelo, levaron a cabo unha montaxe da Muiñeira de Santo Amaro, Muiñeira de Oliveira e recital.

O quinto punto do percorrido foi A Devesa, alí houbo mostra de palilleiras, a cargo da mestra Rosa Sestelo; de fotografía, da man da fotógrafa Noelia Lorenzo con “Retratos de vida e celebración” e de pintura coa mostra das obras de Coral Castiñeira e Sandra Alonso

O Parque da Gándara foi a penúltima das paradas, onde os participantes puideron desfrutar da danza con toques africanos, trasnos, xitanos e airiños celtas a cargo de Geni Muxima, nunha coreografía na que a acompañaron Sara Luque, Cris Rey e Lorena Álvarez.

O ralli rematou no Matadoiro, onde houbo un avituallamento.