Medio ambiente

O San Xoán volverá a ser sen lixo e agora tamén sen buratos na praia

Nigrán lanza unha nova campaña para salvagardar o ecosistema

Cartel en Praia América informando da campaña.   | // FDV

Cartel en Praia América informando da campaña. | // FDV

d. p.

O Concello de Nigrán prepara un dispositivo inédito para a noite de San Xoán que prohibirá e sancionará facer buratos na praia. Con este obxectivo, o persoal ao completo de Policía Local e Protección Civil, xunto a Guardia Civil, vixiarán por vez primeira con drons todo o areal e controlará desde a mañá os accesos á praia América e Panxón para impedir que se acceda con pas, aparellos ou obxectos contundentes.

Deste xeito, dase un paso máis sobre a campaña de #SanXoanSenLixo emprendida desde o ano 2019 advertindo que o incumprimento desta prohibición expresa suporá sancións que oscilan de leve a moi grave, porque afectan desde á alteración do ecosistema litoral ata unha infracción da lei de seguridade cidadá. Toda esta información será achegada á mocidade da contorna mediante cartalería específica, vallas, cuñas e anuncios publicitarios, banners en redes sociais, gifs… “Precisamos que a mensaxe chegue a toda a cidadanía para que o propio día de San Xoan xa saiban que non van poder acceder á praia con pas, sachos ou material contundente”, explica o alcalde, Juan González, quen pide a colaboración de toda a veciñanza na súa difusión. “Levamos anos cunha campaña de concienciación pioneira en Nigrán e que inicialmente funcionou co tema do lixo, pero observamos que a costume de facer buratos medra, polo que se queremos preservar a nosa praia temos que chegar a este punto ao que non quixeramos ter que chegar, pero que resulta xa inevitable”, engade o rexedor local.

Equipo de concienciación

A este dispositivo sen precedentes na historia do Concello e que superará os 200 efectivos, sumarase un equipo de concienciación ambiental que desde a maña tamén estará a pé de praia recordando aos asistentes as obrigas que supón o respecto dun espazo natural, mensaxe que se repetirá tamén por megafonía. Igualmente, eles mesmos entregaranlle aos diferentes grupos sacos para que depositen o seu lixo nos contedores que se dispoñan nos accesos ás praias.

“Non queremos nin buratos nin lixo, as dúas cousas teñen que quedar claras, por iso é importante tamén o labor educativo deste equipo especialmente formado”, incide González. “Confiamos en que a xente está cada vez máis comprometida co medio ambiente e que este inclúe tamén aos océanos, en Nigrán sempre traballamos na concienciación medioambiental. Praia América é un dos máximos orgullos de Nigrán e é responsabilidade de todos preservala, por iso temos que tomar estas medidas que non están confrontadas coa festa e con pasar unha noite especial cos amigos”, conclúe.