Medio ambiente

Gondomar crea o Observatorio da Xunqueira da Ramallosa

Un proxecto pioneiro en accesibilidade e tecnoloxía para a conservación natural

Observatorio da Xunqueira de Ramallosa.   | // FDV

Observatorio da Xunqueira de Ramallosa. | // FDV

d. p.

Favorecer o achegarse á natureza sen obstáculos físicos nin sensoriais. Ese é obxectivo do Observatorio da Xunqueira da Ramallosa, un innovador espazo promovido polo Concello de Gondomar que pretende mellorar a experiencia de observación de aves e sensibilizar medioambientalmente a visitantes e veciñanza.

Gondomar crea o Observatorio da Xunqueira da Ramallosa

Gondomar crea o Observatorio da Xunqueira da Ramallosa / d. p.

O observatorio é unha edificación móbil adaptada que incorpora paneis interpretativos e sinalización a través das novas tecnoloxías. Así, incorpora códigos QR que enlazan directamente con recursos en liña como aos do The Cornell Lab of Ornithology no que poder ver fotos e vídeos e escoitar o son de diferentes especies. Ademais, outros paneis ofrecen enlaces a unha audioguía da natureza da Ramallosa, unha aplicación para identificar aves ou un mapa dixital do espazo natural. Estes paneis tamén estarán adaptados para persoas con discapacidade visual mediante información en sistema braille e siluetas en relevo das distintas aves acuáticas.

O observatorio é unha instalación de accesibilidade universal “para que poidan desfrutar dela todas as persoas independentemente da súa capacidade física, sensorial ou cognitiva, para que todas as persoas interesadas nas aves e na natureza e na súa conservación poidan gozala e estudala”, explicou o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, durante o acto inaugural.

Esta instalación, situada no esteiro do río Miñor na confluencia entre os concellos de Gondomar, Nigrán e Baiona, busca executar medidas para a interpretación dos valores e do patrimonio natural da Ramallosa, en especial dos medios de xunqueira e intermareais.

Turismo sostible

Con este novo observatorio, Gondomar dá un paso importante na promoción dun turismo sostible e na súa aposta estratéxica por unha oferta turística baseada na observación de aves, así como na conservación dos seus espazos naturais nun momento no que este tipo de actividades de lecer está en grande auxe.

O observatorio contou cun investimento total de case 18.000 euros financiados ao 90% pola convocatoria Leader 2023-2024 do PDR de Galicia 2014-2020 con fondos FEADER a través da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural. Neste senso, a presidenta de EuRural, Sandra González, salientou o compromiso da asociación de desenvolvemento rural con proxectos que fomentan a conservación medioambiental, “xerando riqueza no noso territorio dun xeito diferente e sostible. Este observatorio non só mellorará a experiencia dos visitantes, senón que é un novo paso para preservar a nosa contorna e afondar na educación ambiental”.