Solidariedade

Galicia pon en marcha proxectos de auga e saúde en Guinea-Bissau

O Fondo Galego de Cooperación colabora na construción dun pozo e dotando de equipamento hospitais

A delegación do Fondo Galego coñeceu varias instalacións sanitarias. | // FDV

A delegación do Fondo Galego coñeceu varias instalacións sanitarias. | // FDV

D. P.

O alcalde de Nigrán, Juan González, visitou Guinea-Bissau como presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, acompañado doutros membros da entidade supramunicipal, para supervisar os proxectos apoiados no país lusófono en materia de saúde e obtención de auga potable. O Fondo Galego colabora con iniciativas como a construción dun pozo nunha localidade especialmente illada, dotando de equipamento hospitais, ademais de axuda alimentaria de emerxencia.

“Estamos colaborando cun dos países máis pobres do mundo, onde poboacións enteiras carecen de electricidade ou auga potable e a alimentación é precaria, desde o Fondo Galego estamos achegándonos ás poboacións máis remotas”, explica González, quen considera que “contextos de pobreza, desigualdade, guerras, catástrofes naturais, mobilidade humana forzada… requiren da cooperación internacional, como unha cuestión de xustiza global”, motivo polo que defende a implicación de todas as administracións, incluíndo os concellos. “Estamos a supervisar proxectos do Fondo e tamén estudando a posibilidade de realizar cooperacións directas desde o Concello de Nigrán, tal e como xa facemos cos campamentos de refuxiados saharauis”, sinala.