Educación

Escolares presentan ideas para mellorar Porriño

Máis pistas deportivas, un auditorio e unha piscina son as súas propostas

Os escolares foron recibidos na Alcaldía.   | // FDV

Os escolares foron recibidos na Alcaldía. | // FDV

d. p.

O alumnado de 6º de Primaria do CEIP Fernández López de Porriño visitou a casa consistorial para rexistrar unha proposta de mellora para a veciñanza do municipio. Trátase da última parte dun traballo escolar que comezaron a principio de curso. No primeiro trimestre os escolares elaboraron unha enquisa, coa que recompilaron información dos viandantes, da veciñanza e das súas propias familias. Traballaron os datos e, con gráficos, extraeron os aspectos máis demandados pola cidadanía, os cales plasmaron nunha presentación. Os tres temas máis votados polo alumnado de 5º e 6º e os docentes foron máis pistas deportivas, un auditorio e unha piscina para o verán.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, interesouse polo traballo de investigación realizado e recibiu ao grupo de estudantes e a profesora que dirixiu o proxecto, María Esther Carro. “É moi importante prestar atención ás propostas de mellora de todos os cidadáns, especialmente da cativada, e, sobre todo, tratándose dun proxecto feito con tanto rigor e ilusión como este. Tomamos nota das propostas, nalgunhas das cales xa estamos traballando”, aseguroulles.