Institucións

O Rosal, Caminha e A Guarda camiñan cara á Eurocidade

Responsables dos tres concellos reuníronse en Caminha para sentar as bases da entidade da Foz do Miño

Responsables das tres institucións no seu encontro en Caminha.   | // D.P.

Responsables das tres institucións no seu encontro en Caminha. | // D.P.

d.p.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, mantivo un encontro en Caminha presidente da cámara municipal, Rui Lages, e co concelleiro da Guarda Isidro Lomba para definir os puntos esenciais da Declaración de Interese para a creación da futura Eurocidade que reunirá aos tres municipios de ambas as dúas marxes do esteiro do Miño. No encontro elaboraron un primeiro documento, cuxa redacción definitiva deberá ser aínda aprobada polos órganos municipais de cada localidade, así como pola Xunta de Galicia e pola Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte (CCDR N) de Portugal. Os tres responsables amosaron unha sintonía total e a firme vontade de levar máis lonxe a cooperación transfronteiriza que xa se está a desenvolver dun xeito máis formal; cren na importancia da cooperación transfronteiriza e no reforzo dos lazos de amizade e colaboración e ven na Eurocidade o formato ideal para reafirmar esas relacións. O documento asinado expresa a natureza das Eurocidades como organismos que teñen por obxectivo a promoción da converxencia institucional económica, social, cultural e ambiental, impulsando a posta en marcha de servizos comúns como instrumentos dinamizadores da convivencia entre as poboacións dos diferentes territorios.

Dividido en catro puntos, o documento comeza por definir o obxecto da futura Eurocidade e a súa finalidade para logo no seu segundo punto enumerar os obxectivos da Declaraicón, que consta de 16 puntos bastante amplos que deixan aberta a posibilidade de incluír outros aspectos que poidan ser considerados necesarios máis adiante.

No terceiro punto especifícanse as áreas de intervención, que abranguen Cultura, Deporte, Turismo, Desenvolvemento Municipal, Recursos Humanos, Educación, Política Social, Medio Ambiente e Gastronomía, entre outros que poidan indo revelándose como oportunos ao longo do proceso.

O cuarto punto establece as finalidades da futura Eurocidade, desde a análise de asuntos de interese común ata intercambio de misións empresariais; intercambio de información, documentación e materiais; organización de feiras, seminarios e congresos; intercambio de técnicos, especialistas e profesionais; formación e capacitación de recursos humanos; intercambio cultural, deportivo e artístico ou a promoción conxunta e fomento de formas de relación entre axentes, estruturas e entidades públicas e privadas, susceptibles de contribuír ao desenvolvemento dos respectivos territorios transfronteirizos.

Este encontro dá continuidade ao celebrado o pasado 10 de maio no Rosal, no que a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e o de Caminha, Rui Lage, amosaron o seu firme convencemento da necesidade da creación dunha Eurocidade, unha reunión que foi “histórica” e determinante para o inicio dunha grande alianza transfronteiriza nas dúas marxes do esteiro do Miño. Responsables dos tres concellos salientaron o clima de entusiasmo respirado neste novo encontro, na que todos os municipios involucrados se amosaron unidos nun espírito de diálogo e na creación dun proxecto común.