Cinema

“O Frío”, grande triunfadora no XXI Festival de Cans

“Viaxar aos teus recordos e buscar pelexa”, de Daniel Pérez Silva, foi a gañadora na sección Furacáns

Participantes premiados.   | // D.P.

Participantes premiados. | // D.P.

d.p.

A curta “O frío” do director Pablo Dopazo foi elixida polo xurado do Festival de Cans como gañadora na sección de Ficción e Dopazo ademais obtivo o premio ao Mellor Director. Este filme foi o máis premiado nesta edición xa que tamén levou o galardón ao Mellor Actor polo papel interpretado por José María Sanjurjo. A curta gañadora recibirá un premio de 2.000 euros en metálico e un Can de Pedra.

A curta de Pablo Dopazo foi premiada polo xurado polo súa capacidade para “facer sentir a distancia, o desafecto e o frío”. O filme. Inspirado nunha historia real, ten como protagonista a un home que traballa nun mercado de abastos dunha cidade galega e un día recibe unha chamada que perturba a súa vida normal e fai que o pasado volva.

No apartado de Animación o premio do xurado foi para “Alguén me chamou Serpe Negra “, que conta con guión e dirección de Borja Santomé, quen xa obtivera un premio en Cans en 2018 coa curta “El reloj”. Este premio ten unha dotación económica de 1.500 euros.

O premio “AISGE” á Mellor Actriz nesta edición de Cans foi para o protagonista da curta “Nai”, Andrea Vilariño, mentres que o filme “To bird or not to bird”, do realizador e guionista Martín Romero, obtivo dous galardóns, o premio “AGAG” polo Mellor Guión e o premio “Gadis” á Mellor BSO. Esta peza xa foi premiada na última edición dos Goya como Mellor Curta de Animación. “Ruovesi”, a curta da directora e guionista Andrea Zapata, recibiu o premio “Rc Service” á Mellor Fotografía.

O Premio do Xurado dos Veciños e Veciñas á Mellor Curtametraxe de Ficción/Animación foi para “Aquarium” da realizadora italiana afincada en Galicia Marguerita Morello. A peza ambiéntase nun futuro distópico e narra as loitas laborais nunha empresa de marketing misturando comedia, drama e ciencia-ficción.

Na sección Furacáns (Non Ficción) a curta gañadora foi “Viaxar aos teus recordos e buscar pelexa”, unha peza con guión e dirección do boirense Daniel Pérez Silva. O filme está composto por imaxes do arquivo familiar do realizador, quen relaciona o pasado co presente para dar conta dos cambios que se producen nas relación familiares. O xurado destacou o seu acercamento “tan emotivo como penetrante ao continuum temporal dunha familia”.

Nesta sección obtivo unha mención a curta “El Custodio”, que conta con guión e dirección do arquitecto Arturo Franco. O filme fala da soidade nunha illa sen tempo e xa foi galardonado no Festival Intersección co premio ao Mellor Filme Español.

No apartado de Novas Camadas, que distingue aos realizadores menores de 25 anos, a curta gañadora do Premio “Deleite” foi “Taquión”, con guión e dirección de Miguel Barcia. É un relato de ciencia-ficción que combina videos caseiros con fotogramas impresos e escaneados que suxiren a distorsión dos recordos. O xurado destacou a aura de misterio dun filme con ecos “do mellor David Lynch”.

Nesta sección tamén houbo unha mención para a curta “Sainte Agathe”, do director Juan Ares, que neste filme documenta o proceso de masculinización da súa amiga Agatha, unha moza de 22 anos.