Festividades

O Corpus Christi volve encher Ponteareas de cor e recendo

A noite de hoxe estará amenizada con música na rúa y Mañá e o luns actuarán Assia, Galilea e o Combo Dominicano

Corpus Christi de 2023.  | // D.P.

Corpus Christi de 2023. | // D.P.

d.p.

Ponteareas celebra hoxe o día grande da súa festa de interese turístico internacional.

Ás 18:00 comezará a confección das alfombras florais nas rúas da vila, e ás 21:00 terá lugar a recepción de autoridades no salón de plenos, seguida do percorrido polos portais alfombristas, a partir das 22:00. A noite estará amenizada con música na rúa, e co característico recendo que cada ano impregna as rúas da Vila do Corpus na súa noite grande.

Mañá, domingo 2 de xuño, terá lugar ás 10:30 na Casa do Concello a Recepción das autoridades coa actuación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. Ás 11:30 pronunciarase a misa solemne cantada pola Coral do Centro Artístico Sportivo, seguida da procesión que estará acompañada pola Banda Cristo de la Victoria de León e a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.

Os actos festivos continuarán pola tarde, co desfile de carrozas e a batalla de flores que ás 19:00 percorrerá as rúas do centro urbano.

A quenda do baile será a partir das 22:00, hora na que comezará a actuación da Orquestra Assia na Praza Maior, e continuará ás 23:00 coa actuación da Orquestra Galilea na Praza Bugallal. Ás 23:45 o lanzamento de fogos artificiais porán o broche de cor á noite.

O luns continúa a festa dedicándose aos máis pequenos, coa actuación de Animart ás 12:00 na Praza Bugallal e inchables a partir das 17:00 diante da Casa do Concello.

Ás 19:30 farase unha ofrenda floral aos alfombristas falecidos, no monumento aos alfombristas, e ás 20:20 terá lugar o acto de entrega das medallas de Corpus Christi coa actuación de Amancio Prada, no Auditoria Reveriano Soutullo. Ás 22:00, o Combo Dominicano ofrecerán, na Praza Maior, un fin de festa moi animado.

O martes ás 20:00 terá lugar a entrega de premios do I concurso de balcóns floridos, no Salón de Plenos.

Ademais desta nutrida programación, destacan entre as actividades relixiosas a Santa Misa das vésperas do Corpus Christi, hoxe ás 20:00, as cinco misas que haberá mañá ás 8:30, 10:00, 11:30, 12:30 e 20:00, e a misa que o luns se celebrará ás 18:30 na honra das persoas alfombristas finadas. Do 3 ao 9 de xuño terá lugar a octava do Corpus Christi.

Dentro das actividades deportivas, o próximo 6 de xuño terá lugar o I Trofeo inclusivo de petanca Vila do Corpus.