Turismo

Corporacións galegas reúnense en Italia con grupos de acción local

Eu Rural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño promove esta viaxe

Alcaldesas, alcaldes e edís en Emilia-Romagna.   | // D.P.

Alcaldesas, alcaldes e edís en Emilia-Romagna. | // D.P.

D.P.

Unha delegación composta por alcaldesas, alcaldes, edís e persoal técnico percorreu a rexión de Emilia-Romaña, en Italia, para coñecer de primeira man experiencias de desenvolvemento económico, turístico e social nunha zona vitivinícola de gran parecido con Galicia. Unha viaxe de estudo para recoller ideas e achegarse a prácticas exitosas que poidan ser implementadas no territorio para potenciar o desenvolvemento rural.

“Viaxes coma esta son fundamentais para aprender de iniciativas que poden servirnos para continuar transformando o noso medio rural. Son tres intensos días de visita que supoñen un grande exemplo de coordinación entre institucións, empresas e sociedade para estreitar lazos entre o rural europeo”, como destaca a presidenta de Eu Rural e alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

Xunto con ela, nesta visita participaron autoridades dos 14 concellos que conforman o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, como o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira; o rexedor de Pazos de Borbén, Luciano Otero; a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís; e o rexedor de Tui, Enrique Cabaleiro; así como os edís Sheila González, de Baiona; Rocío Goberna, de Gondomar; Leo Costas e Julia Loureiro, de Mos; Beatriz Rodríguez, do Rosal; Silvia Cernadas, de Soutomaior; e Ana Núñez, de Tui.

A delegación tivo a oportunidade de coñecer o plan de acción do Grupo de Acción Local do Ducato, o Consorcio DOP do Salumi Piacentini e as rutas do viño do outeiro Piacentini. Visitaron a fábrica de xamóns Galloni, o Museo do Tomate e da Pasta e o Museo do Viño. Tamén se desprazaron a Parma, onde coñeceron a Azienda Agricola Brugnoli.