Redondela

Revólver actuará na Festa da Coca

Concerto gratuíto o sábado 1 de xuño

D. P.

Logo do éxito da Festa do Choco, Redondela prepárase para a súa outra gran cita festiva do ano, a da Coca. Celebrarase do mércores 29 de maio ao domingo 2 xuño, días nos que non faltarán as flores e a boa música, cun cartel encabezado pola banda Revólver, que ofrecera un concerto no Campo da Feira o sábado 1 de xuño ás 22.00 horas. A entrada, ao igual que ao resto de actuacións musicais é gratuíta.

O desfile de xigantes e cabezudos polas rúas da vila marcará o inicio das festas na tarde do mércores 29. Ás 20.00 horas terá lugar a lectura do pregón a cargo de Sonia Carrera Piedras, veciña que logo de moitos anos deixa a súa participación nas tradicionais danzas das espadas e das penlas, un dos momentos tradicionais e dos máis esperados desta festividade.

Nesa noite, mentres actúa América de Vigo, elaboraranse as primeiras alfombras florais en distintas rúas da vila, a segunda quenda será na madrugada do domingo en Vilavella, que lucirán na mañá seguinte para o paso da procesión. Previamente, terá lugar o desfile da Coca cos Mordomos e Diañiños, acompañada por xigantes e cabezudos ao son da música tradicional a cargo de grupos locais.

O xoves, festividade local, a verbena estará amenizada pola orquestra Cinema e o venres nova cita co rock da man de Chocolate Sexy, Volvoreta, RMS e Reincidentes, que actuarán a partir das 21.00 horas no Campo da Feira. O sábado, logo do concerto de Revólver tocará a orquestra Galilea e xa de madrugada sesión DJ con Rodri Veigas. O domingo a orquestra La Fórmula porá o broche de ouro.