Deporte

Soutomaior celebra hoxe a I San Silvestre Fest

Será unha carreira solidaria, inclusiva e adaptada

Visita do Apalpador.  | // D.P.

Visita do Apalpador. | // D.P. / D.P.

D.P.

Soutomaior acolle hoxe ás 17:00, dentro do seu programa “O Nadal das persoas”, a súa primeira carreira popular pedestre co fin de promover os valores solidarios e os hábitos saudables a través do deporte, mediante a organización dunha proba deseñada para todas as persoas, que promova a igualdade en contextos lúdicos e de esparcemento. A proba terá un carácter non competitivo e será inclusiva, solidaria e adaptada a todas as persoas.

Os motivos polos que, dende a organización, se atribúen estes tres cualificativos á proba, son, en primeiro lugar, que se recollerán alimentos non perecedoiros, que logo se destinarán ás persoas máis vulnerables, repartidos por Cáritas Arcade e de Soutomaior.

A proba responde tamén á oportunidade de participación conxunta de persoas con e sen discapacidade, adaptándose ás posibilidades de cada persoa. O percorrido realizarase co acompañamento de persoas familiares ou amigas ou persoas voluntarias, de ser o caso.

É tamén unha proba adaptada porque se adecua a cada persoa con necesidades. Desta maneira, a persoa participante con diversidade funcional poderá realizar un percorrido especial de aproximadamente 180 metros. Haberá outras medidas de apoio como unha cadeira adaptada, prestada pola Deputación de Pontevedra. Deberase consultar na Casa do Concello ou Pavillón da Montesiña polas medidas específicas para este proba no marco do programa “Soutomaior Inclusivo”.

Antes da proba, a partir das 16:00, haberá unha masterclass de zumba e outra de bailes variados, aptas para público familiar.

Ao remate da proba, ás 19:00, terá lugar a entrega de premios e unha festa final con DJ.

A programación de Nadal fecharase con actividades diarias para a infancia e a familia ata o día de reis