Libros

“Sobremesas sobre versos” chega a casa

A recoñecida escritora salvaterrense Raquel Castro presenta, na súa vila natal, o seu último texto premiado

A autora Raquel Castro, durante o acto.   | // R.C.

A autora Raquel Castro, durante o acto. | // R.C. / d.p.

d.p.

O pasado día 20 de decembro ás 20:00 da tarde presentouse na Libraría Terra de Salvaterra a novela “Sobremesas sobre versos”, escrita pola alxenense Raquel Castro e ilustrado por Diana Pastoriza. A autora estivo acompañana durante a presentación por Arturo Ponte, en representación da editora.

“Sobremesas sobre versos” conta a historia de Uxía e a súa avoa Sica, que elaboran sobremesas mentres lembran os costumes do Courel, a mocidade e infancia dunha anciá que comeza a despoboarse de saberes e recordos.

Castro, que gañou con esta obra o I Premio Simbad para o Recordo e o Alzheimer, organizado por AGADEA, é presidenta e fundadora da Asociación Teatral de Alxén dende 1999, e todas as súas obras de teatro están destinadas a ser interpretadas polo grupo de teatro infanto-xuvenil Ata Sempre, dependente desta asociación.

Algunhas das obras que estes nenos e nenas levaron á escena foron premiadas, como “As terapias da doutora Ledicia”, cunha Mención de Honra nos Premios Estornela de Teatro Infantil, que convoca a Fundación Xosé Neira Vilas. Esta obra tamén foi finalista na Gala do Libro Galego 2016 na categoría de Teatro. Desta mesma gala, pero no ano 2019, foi finalista “A formiga fóra do carreiro”, obra que acadou un segundo premio como mellor libro de teatro en galego do 2018, en Fervenzas Literarias.

De recoñecida traxectoria como dramaturga, coordina no IES Ribeira do Louro o Premio Roberto Vidal Bolaño de Teatro. Neste mesmo centro dirixe un grupo de teatro formado por alumnos e alumnas da ESO.