Cultura

“Síntete Covelo” pon en valor aos colectivos e persoas da vila

Creados en 2015, os galardóns acumulan máis de 15 premiados

Os premiados (centro) xunto á corporación municipal.   | //M.B.

Os premiados (centro) xunto á corporación municipal. | //M.B. / d.p.

d.p.

O Concello de Covelo quixo premiar, un ano máis, ás persoas que na súa traxectoria levan o nome de Covelo polo mundo e difunden o nome da vila acompañado dos seus éxitos, nesta IX edición, industriais e deportivos.

Nuns premios que destacan este ano polo seu marcado carácter interxeracional, Joaquín Vales Piña recibíu o galardón que recoñeceu o seu espírito emprendedor e a súa importancia na industria tradicional grazas ao Serradoiro dos Carranos, que chega aos nosos días como relevante alfaia do patrimonio industrial do século XX. O Serradoiro dos Carranos é, a día de hoxe, un potente atractor de turismo para o municipio. Atópase á beira do regato de Vixiáns, no fluír ó río Tea, foi levantado en 1922 sobre os piares dun vello muíño de auga. Na actualidade, alberga unha aula de interpretación da natureza e do patrimonio etnográfico, con paneis informativos e vídeos explicativos.

O patinador Xabi Gómez Lorenzo recolleu o seu galardón polos seus éxitos deportivos que levaron o nome de Covelo ás competicións galegas e españolas. Co Club Covelo Patinaxe Artística foi medalla de ouro e campión galego no ano 2016 e medalla de prata e subcampión galego nos anos 2014, 2015, 2017, 2018 e 2019. Xabi foi recoñecido como persoa Deportista de alto nivel pola modalidade de patinaxe. Actualmente é alumno da Universidade de Santiago de Compostela onde cursa primeiro de Mediciña.

A afamada cantante Uxía xunto a Santiago Cribeiro e Sergio Tannus pecharon a entrega de premios cos seus Cantos e Contos de Nadal e deron paso a un petisco para todas as persoas asistentes.