Medio ambiente

Salvaterra de Miño facilita a reciclaxe no rural

O Concello adquirirá un punto limpo móbil para a recollida de residuos non ordinarios

d.p.

O Concello de Salvaterra de Miño adquirirá un punto limpo móbil a cargo das axudas a entidades locais de Galicia para o financiamiento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea. Este servizo rotará polas distintas parroquias do Concello, achegando á veciñanza de Salvaterra a reciclaxe de residuos non ordinarios, e entrará en funcionamento no ano 2024.

Con este servizo, que se activará a nos primeiros meses do vindeiro ano, os veciños e veciñas poderán separar de maneira máis cómoda e segura os seguintes elementos: restos metálicos do fogar, lámpadas e tubos fluorescentes, tóner e cartuchos de impresora, pilas e baterías de electrodomésticos, xoguetes, envases de pintura e vernices, pequenos electrodomésticos e aerosois.

Fontes do Concello de Salvaterra de Miño afirman que esta iniciativa pon de relevo o compromiso da institución coa proteción do medio ambiente e a promoción de prácticas sostibles. O sistema implantado non só facilita e simplifica o proceso de reciclaxe para a veciñanza, senón que tamén fomenta a redución de residuos e o uso responsable dos recursos.

Nesta primeira anualidade, o Concello ven de adquirir os colectores para o interior do punto limpo móbil. Tamén foi xa realizado o deseño para a rotulación exterior, a adquisición de elementos de información e a formación para o persoal. A comezos do próximo ano realizarase a adquisición do punto limpo móbil que permitirá dar inicio a este servizo que pretende achegar a todos os recunchos do municipio a reciclaxe.