Festa pre fin de ano

Porriño despide hoxe o ano por partida dobre

Poderanse comer as doce uvas ao son das badaladas ao mediodía na festa infantil e á medianoite para adultos, con uvas, cotillón e chocolate de balde

A festa infantil pre Fin de Ano celébrase hoxe a partir das 11.30 horas en Domingo Bueno.   | // FDV

A festa infantil pre Fin de Ano celébrase hoxe a partir das 11.30 horas en Domingo Bueno. | // FDV / l. c.

l. c.

[Porriño]

Cando hoxe sexan as doce do mediodía e as doce da noite, en Porriño soarán as doce badaladas de xeito anticipado á festa de Fin de Ano. Como xa vén sendo tradición, a capital da Louriña adiántase, ao 30 de decembro, para festexar a despedida do ano e dar a benvida do novo cunha xornada chea de actividades e música para todos os públicos.

O alcalde A. Lorenzo e o edil de Cultura, B. Estévez, con Raquel Atanes, que presentará as badaladas hoxe, e os DJ Samu Pexe e Pitty.   | // FDV

O alcalde A. Lorenzo e o edil de Cultura, B. Estévez, con Raquel Atanes, que presentará as badaladas hoxe, e os DJ Samu Pexe e Pitty. | // FDV / l. c.

Ás 11.30 horas dará comezo a festa infantil na que a cativada será a protagonista e terá o seu propio pre fin de ano con actividades, animación e pasarrúas de personaxes infantís. O grupo Xeración M, gañador do concurso “Este Nadal canta con nós” da CRTVG, será o encargado de abrir a festa. Non faltarán tampouco as doce badaladas, que soarán as 12 do mediodía, presentadas por Hernán Sío, neno do Porriño referente en ximnasia rítmica. E, de seguido, concerto infantil a cargo de “Ollo Piollo” da compañía Barafunda.

Arredor das 19.00 horas iniciarase a festa grande coa música de dj Donper e a das rondallas de Pontellas e Santa Eulalia de Atios que desfilarán polas rúas da vila. De seguido, sobre as 21.30 horas, dará comezo a actuación da orquestra El Combo Dominicano e á medianoite volverán soar as doce badaladas, presentadas nesta ocasión por Raquel Atanes e Juan Fuentes, presentadores do programa “Quen anda aí?” da TVG. Haberá uvas, cotillón e chocolate de balde para todos os asistentes.

Xa para pechar a noite, sesión dj con Samu Pexe e Pitty. O escenario de toda a xornada festiva será a rúa Domingo Bueno.

“Dende o Concello convidamos á veciñanza, e tamén a todas as persoas de fóra que así o desexen, a acudir ao centro da vila para festexar todos xuntos, de xeito anticipado, o fin do ano 2023 e o recibimento do ano novo, unha cita convertida xa en tradición no Porriño”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo.

O Porriño Peque Fest

Xa no ano novo, a programación cultural continúa na capital da Louriña. A ilusión dos nenos e nenas son o motor do Nadal e por iso o Concello do Porriño preparou unha gran festa infantil, previa a xornada máis máxica do ano e como broche final ás celebracións. Trátase de O Porriño Peque Fest, unha festa con inchables, animación e moitas sorpresas para a cativada. Será a vindeira semana, os días 2, 3 e 4 de xaneiro. O pavillón municipal (pista 2) abrirá as súas portas para que os máis pequenos da casa desfruten de inchables, obradoiros, animación e xogos durante toda a xornada. O acceso será gratuíto, en horario continuado dende as 11.30 ata as 19.00 horas.

Tamén nestes días habilitarase un medio de transporte especia, o tren turístico de Nadal que percorrerá as rúas da vila.

Cabalgata de Reis

Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán xa ao Porriño a tarde do xoves 4 de xaneiro para visitar, a partir das 16.30 horas, as diferentes parroquias do municipio. Xa o venres 5 protagonizarán a tradicional Cabalgata de Reis, onde irán acompañados dun séquito formado polos seus paxes reais e personaxes infantís que farán as delicias dos máis pequenos. A comitiva iniciará o percorrido ás 16.30 horas dende a rúa Doantes de Sangue, pasando por Antonio Palacios, Domingo Bueno, San Sebastián, San Bieito, Manuel Rodríguez e Ramón González para rematar no Parque do Cristo, coa recepción na Praza Arquitecto Antonio Palacios.

Encontro de Rondallas

E xa como guinda a estas festas de Nadal, o domingo 7 de xaneiro o Concello do Porriño organiza, pola mañá a Carreira de Reis e, pola tarde, o Encontro de Rondallas. A proba deportiva, de carácter solidario, dará comezo ás 11.00 horas con saída dende a Praza Arquitecto Antonio Palacios e requírese inscrición previa, antes das 23.30 horas do 3 de xaneiro na web ecultura.net

As rondallas volven ser as protagonistas do Nadal porriñés e a súa música soará tamén para pechar estas festas. A vila do Louro acollerá o vindeiro domingo ás 18.00 horas o tradicional Encontro de Rondallas do Porriño, no que se darán cita dez agrupacións, as dúas porriñesas e oito de municipios da bisbarra. Será no pavillón municipal e, no caso de que a choiva non o impida, estará precedido dun pasarrúas no que participarán todas as agrupacións e que dará comezo ás 17.00 horas.

Tracking Pixel Contents