Sociedade

Máis de 200 nenos pasan o “Nadal na Biblioteca”

Seis obradoiros infantís enchen de vida o Nadal tudense

d.p.

O pasado día 26 comezaron os obradoiros infantís de Nadal que promove a Biblioteca Municipal de Tui e nos que van participar ao longo da próxima semana 210 rapaces e rapazas tudenses. As prazas están xa cubertas para todos os días nesta iniciativa que ofrecen actividades de lecer polas mañás durante as vacacións escolares de Nadal.

Os nenos e nenas do primeiro obradoiro realizado, co título “Adornando o Nadal” realizaron decoración para estas festas con distintos materiais.

Ao longo desta semana tiveron lugar os obradoiros “Os elfos fabrican xogos”,“Facendo inocentadas” e “Crea a túa marioneta”. A próxima semana, o martes 2 terá lugar o obradoiro “Voando coa papiroflexia”, o mércores 3 de xaneiro “Xogando xuntos”, e o xoves 4 de xaneiro “A maxia do Nadal e Reis”.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, explica que a oferta destas actividades de animación para os máis cativos procura unha alternativa de ocio e aprendizaxe de habilidades relacionada co lecer e a diversión, ao tempo que ofrece ás familias unha alternativa que axude na necesaria conciliación nestas datas do Nadal.

Cómpre lembrar que neste espazo atópase tamén o Mercadiño solidario de libros con preto dun milleiro de libros, cuxa condición para acceder é a entrega dun lote de produtos de Nadal que estarán destinados ás familias atendidas polos Servizos Sociais municipais.