“A infancia non é o público do futuro, é o de agora”

davide gonzález

Davide González e Iria Pinheiro nun momento do espectáculo “Palabras”.   | // ÓSCAR FERREIRA

Davide González e Iria Pinheiro nun momento do espectáculo “Palabras”. | // ÓSCAR FERREIRA / Laura porto

Laura porto

No marco da programación cultural Bainadal 2023, falamos hoxe con Davide González, actor e músico, que visitou a vila o pasado 16 de decembro co espectáculo para a infancia Palabras, da compañía Baobab, dirixido por Óscar Ferreira, escrito por Andrea Bayer, e no que actúa xunto a Iria Pinheiro.

Como foi a función de Palabras en Baiona?

Foi moi divertida porque, ao estar na rúa e o espectáculo consistir en música, cancións e algún conto, a xente que pasa por alí con pequenos sempre queda e senta. Funcionou moi ben, e é un espectáculo moi dinámico. Xógase cun dito, “Palabra palabra, dáme sete esta semana”, e un xogo. Entón propoñemos temas, a raíz dos contos, e fanse xogos. Penso que tamén se lles dá ás familias uns xogos máis para facer cando vas á compra, cando vas ao parque… E coas cancións igual. Neste caso son cancións, se non me equivoco, todas novas, no sentido de que non son adaptacións dalgunhas tradicionais, como si pode haber en Puño puñete, ou en Ris Ras (que o formato é o mesmo que en Palabras), e o que hai en Palabras son contos tradicionais, pero musicados, cantados.

Para ti que é o máis importante do espectáculo?

O papel das familias, porque dentro do xogo, creo que o importante tamén é como nas familias se transmite ese coñecemento, ese amor pola lingua, ese coidado de nomear as cousas; neste caso en galego, porque o espectáculo faise en galego. E como ese vínculo está aí: entre familia, lingua, transmisión oral… Creo que é o punto forte que ten.

Gústache facer teatro para a infancia?

Si. A verdade é que si. E gústame, tamén, porque hai moita diversidade. Neste caso, entra case dentro do mundo da contada e a música en directo, do concerto-contada. Despois hai outros espectáculos como Ás para Álex, ou Pum, pum!, por exemplo, tamén de Baobab, que xa son máis espectáculos ao uso, de teatro de actor, e de títeres; eles xogan moito con iso. O teatro para infancia permite moita cousa, non é unha cousa estanca.

Cando comezaches a facer música e teatro?

Comecei cando estudei na ESAD. No segundo ano da Escola, alá polo 2012, traballei compoñendo música a uns contos. E despois, pouco a pouco fun dando a coñecer o meu traballo, Baobab interesouse, e pouco a pouco fun facendo camiño.

Colaboras con Baobab dende os teus inicios, entón?

Case. Comecei con eles no 16 ou 17. Polo medio traballei con outras compañías, e tamén coa miña propia. Esta cousa de estar a mil.

Na túa profesión, que é o que consideras máis complexo e máis pracenteiro?

Creo que a produción paréceme o máis complexo. Teres ideas de “vou montar un espectáculo, vou facer isto…”, está ben porque entra case no mundo das ideas, do xogo e do pracer. Pero o difícil é conseguir os cartos, conseguir unha sala de ensaios, un espazo onde poder presentar o traballo, conseguir vender o espectáculo… Esta cousa do artista, do artisteo, de repente baixa a terra e dis: sistema mercantil, hai que vender para pagar facturas e pagar un aluguer. Entón ese halo romántico desaparece un pouco. Estaría ben sabelo xa cando estudas, por exemplo. Ter claro, dependendo do tipo de proxectos que queiras facer, cales son as vías e as portas ás que chamar, como podes financiarte, como podes facer para vender. Ao fin e ao cabo é ao que aspiramos todas, a ser programadas. E penso que iso é o máis difícil. O máis pracenteiro é o xogo, compartir o traballo co público, coa audiencia. Iso é unha gozada, si.

Que funcións adoitas facer no teu teu traballo no sector cultural?

Depende da montaxe ou das condicións nas que eu estea: non é o mesmo traballar como actor contratado, que levar a cabo unha produción propia. Normalmente traballo como compositor, actor, e ás veces como director de escena. Agora o que máis estou a facer é traballar como actor e músico, sen a parte creativa. Isto é porque fai nestas datas un ano decidín pisar un pouco o freo, e todo aquilo que conlevaba un pensamento extra á hora de crear, de producir, de elaborar algo a nivel artístico e creativo… Non tiña as forzas, non estaba no momento. Entón, por iso, agora esa parte está pausada.

Dirías que o sector cultural é especialmente agresivo para a saúde mental?

Eu podo falar dende a miña experiencia, sen que iso sexa sentar cátedra. Para outra persoa pode non selo, pero a min si que me pasou factura. O feito de chegar a estar coa cabeza en oito proxectos, e darme conta do precario que é: estar con oito proxectos, oito traballos, ao fin e ao cabo, e ainda así non poder pagar un aluguer. É fastidiado, porque tamén tes que saber lidar con esta cousa do éxito, e se o éxito é ter un montón de traballo e non ter tempo para os amigos, para a familia, non ter tempo para ti. Se iso é o éxito, non o quero. É difícil, e a min pasoume factura a nivel de saúde mental. E eu tamén confiei moito, crin a historia de que se te recoñecen, se tes premios, se tes nominacións… O camiño vai ser máis fácil, e non. Hai vetos, hai… Esta cousa da censura de: “censuran un espectáculo porque ...”. Eu teño escoitado “non, é que ese espectáculo ao meu público non, ao meu público non”. Ben, pois estás a censurar. Entón é complicado, porque comecei a desconfiar de min mesma, de se o que fago está ben ou non, se o sector me di que está ben pero despois non me contratan… É complicado saber como ter as ferramentas para venderte mellor. Porque despois caes na conta de que te vendes ti. Vendes o teu proxecto, o teu produto, que es ti. E o feito de non vender está entendido socialmente coma un fracaso, entón é duro. O que eu saco agora mesmo é aprender a non darlle tanta importancia a moitas cousas, e a pasalo ben e disfrutar. Esa é a aprendizaxe que estou tendo.

Habería que elevar os prezos do sector?

O que pasa é que ás veces hai “topes”, que non sabes de onde veñen, pero… Nun espectáculo infantil, segundo o que teño falado con compañeiras, parece que hai “topes” non escritos. E dis ti “pero que sexa infantil non quere dicir que teña menos calidade, e que polo tanto haxa que cobrar menos!”. Entón é moi curioso, como o propio sistema parece que… É curioso tamén, que así como ves a compañeiras e compañeiros asistir a teatro para adultos, que asistan a obras de teatro para infancia… A min custoume velos. Entón, aparte do de cobrar e estas cousas, non se lle dá unha importancia…. A que realmente ten! Porque non é que esteas facendo teatro para o público do futuro, estás facendo teatro para o público de agora.