“Introducir no mundo teatral ás persoas participantes ao tempo que se estimula a imaxinación e a capacidade creativa, fomentando o traballo en equipo e mellorando os recursos expresivos e habilidades comunicativas”, é o obxectivo que se procura coa posta en marcha da Escola Municipal de Teatro de Tomiño, segundo explica a concelleira de Cultura, Ana Isabel Fernández.
Tomiño levanta un ano máis o pano da súa Escola Municipal de Teatro con novas clases para achegar á veciñanza ao mundo da interpretación. O curso arrancará o vindeiro martes 3 de outubro para todos os grupos dispoñibles esta tempada, que recolle dende a cativada ata a mocidade.
Impartida por Migallas Teatro, a formación será eminentemente práctica con clases nas que se estudarán e traballarán aspectos básicos da creación escénica como a expresión dramática, a improvisación, a expresión oral, o movemento expresivo, o ritmo e a creación de personaxe. O alumnado aplicará todas as técnicas aprendidas nas aulas nas pezas teatrais que representarán ao final de curso no mes de xuño.
As clases serán todos os martes pola tarde en diferentes horarios dependendo dos grupos de idade. O grupo de 4 a 8 anos, que xa está completo, terá clase de 17.30 a 18.45 horas, mentres que o da rapazada de 8 a 12 anos será de 16.00 a 17.15 horas. Os tomiñeses maiores de 13 anos terán a súa cita co teatro de 19.00 a 20.30 horas.
Inscricións abertas
As persoas interesadas en participar poden facer xa a súa inscrición nos grupos de 8 a 12 e de máis de 13 anos da Escola de Teatro a través da páxina web do Concello, tomino.gal.