O Concello de Redondela aposta pola saúde e benestar dos maiores con actividades que fomentan o envellecemento activo. Por unha parte organízanse cursos de balde para traballar a memoria e tamén o exercicio físico e, por outra, saídas lúdicas a localidades próximas a modo de visita cultural.

Comezaron xa esta mesma semana os obradoiros do programa “Esperta a túa Mente”. Actividades como xogos de mesa, pasatempos ou exercicios en cadernos que permiten mellorar a memoria e evitar o deterioro cognitivo, xa que se exercita a capacidade de cálculo e atención. “Ademais, o propio feito de establecer unha rutina para asistir ás clases e socializara cos compañeiros e compañeiras é unha gran axuda para favorecer o envellecemento activo”, sinala a concelleira de Persoas Maiores Pilar Martínez. Establecéronse tres grupos no Multiusos da Xunqueira, en Redondela, un os mércores e outros dous os venres; e en Chapela, onde as clases son os xoves en dous horarios

“Maiores en Forma” é outro dos programas para manter o corpo activo. Este curso amplíanse as actividades ás parroquias de Cabeiro e Quintela, ademais de continuar en Redondela, Chapela, O Viso (Saramagoso), Reboreda e Ventosela. Nestas sesións realízase un exercicio suave e adaptado ás necesidades dos participantes que lles axuda a activar a circulación sanguínea, exercitar a mente, diminuír a tensión e aliviar a dor articular. “O exercicio, unido á interacción social que se dá nas clases, axuda aos maiores a mellorar o seu equilibrio tanto físico como mental”, sinala Martínez.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 28 de setembro, nos rexistros habilitados do Concello de Redondela, e as clases comezarán en outubro en diferentes horarios. En Redondela será os martes e xoves con tres quendas (de 08.30 a 09.30, de 09.30 a 10.30 e de 10.30 a 11.30 horas). En Chapela a actividade realizarase os luns e venres de 09.00 a 10.00 horas no pavillón municipal e pola tarde de 17.30 a 18.30 horas no Círculo Cultural. En Cabeiro as clases serán os mércores de 18.30 a 19.30 horas. Na parroquia do Viso a actividade impartirase no barrio de Saramagoso os martes e xoves de 20.00 a 21.00 horas. En Reboreda será os luns e venres de 19.00 a 20.00 horas, en Ventosela os martes e xoves de 18.00 a 19.00 horas, mentres que en Quintela será os mércores de 19.50 a 21.00 horas. As prazas serán adxudicadas por estrita orde de inscrición e a participación é de balde.