A Biblioteca Municipal Luís Seoane acolle ata o 11 de outubro varios espectáculos literarios ao abeiro de ‘Ler Conta Moito’, un programa de dinamización da lectura que ofrece ás bibliotecas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia a través do seu catálogo diferentes actividades de distintas categorías coas que achegar a cidadanía á lectura e á información dunha maneira lúdica e atraínte.

O programa, que terá lugar todos os mércores, chegou á Biblioteca Municipal Luís Seoane esta semana co espectáculo ‘Contamaxias’, do Mago Paco. O artista presentou aos asistentes unha morea de contos e historias a través de xogos e da maxia, levando á cativada e ás súas familias a descubrir a “maxia divertida” que agochan os contos, engadindo a risa como elemento principal para sorprender ao público.

O seguinte espectáculo decorrerá o vindeiro mércores, 27 de setembro, ás 18.00 horas, coa interpretación de ‘O Paroleiro’, por parte do Pablísimo. “O paroleiro é moi amigo de parolar... gusta de laretar, enredar, falar e de contar historias e contos que leva na memoria, nas maletas, nos petos e nos zapatos”, explica o propio artista sobre o seu espectáculo.

Xa o mércores 4 de outubro, tamén ás 18.00 horas, será a quenda da compañía Trinketrinke, un grupo teatral que ten por obxectivo promover a lectura e estimular a sensibilidade, a imaxinación, a creatividade e o espírito crítico dos nenos a través da narración dos contos e, singularmente, dos distintos xeitos de contalos. Nesta ocasión a compañía teatral desenvolverá o seu espectáculo ‘Animais do Bosque’.

Finalmente, o mércores 11 de outubro, á mesma hora, terá lugar o último espectáculo, a cargo da compañía Garabullo. ‘Pirula e o home de millo’, unha obra de monicreques para reflexionar sobre a importancia dos polinizadores no noso ecosistema. Grazas a esta divertida e educativa historia, descubriremos a necesidade de coidar aos nosos amigos os insectos. E para completar a experiencia, gozaremos dun obradoiro tras a función onde poderás aprender máis sobre a temática da obra de forma amena e entretida.