Salvaterra de Miño acolle hoxe un novo concerto do programa cultural “Música no Ar” da Deputación de Pontevedra, a cargo do pianista Alberto Vilas e a soprano Cristina Suárez, que interpretarán temas coñecidos e populares da música galega. A actuación comezará ás 20.00 horas no exterior do Castelo Fortaleza Dona Urraca. A entrada é de balde.

‘Once cancións e unha danza’ é o titulo deste recital, que supón a estrea do próximo traballo discográfico do pianista Alberto Vilas. Nel interpreta pezas para piano baseadas nas cancións das máis coñecidas e populares da música galega, entre elas ‘A Rianxeira’, ‘O Miudiño’, ‘Camariñas’ ou ‘A saia da Carolina’, pero co seu selo persoal. O concerto completarase con dúas pezas máis, ‘Lela’ e ‘Negra sombra’, cantadas pola soprano Cristina Suárez no marco dun novo proxecto en común entre os dous artistas.