“Por que foron somos, porque somos, serán”, “conversatorio sobre a violencia de xénero: claves para a análise construíndo respostas colectivas”, “as artes no camiño do empoderamento das mulleres”, “a saúde sexual e reprodutiva das mulleres”, “o equilibrio a través da alimentación”, son os títulos das diferentes accións levadas xa a cabo dentro do programa Xuntas que desenvolven de maneira conxunta os concellos de Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas e As Neves. Actividades e obradoiros en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero dirixidos ás mulleres destas tres localidades que deron comezo o pasado mes de agosto e se prolongarán durante setembro.

Na vindeira semana terán lugar, o luns 11, ás 10.00 horas no Concello de Salceda un taller de saúde mental dende a perspectiva de xénero, o mesmo que xa se celebrou nas Neves e en Salvaterra. O martes 12, nas Neves, realizarase “exercicio terapéutico e saúde”, ás 10.00 horas na piscina municipal. Baixo o título “mulleres rurais, corazón do sistema: máis dereitos, máis participación, máis recursos para todas” desenvolverase unha sesión, tamén ás 10.00 horas, o mércores en na biblioteca de Salvaterra e o xoves no Concello de Salceda.

E xa para a terceira e última semana de setembro están programados “convivencia e aprendizaxe transxeneracional das mulleres”, “explorando novos xacementos de emprego”, “o empoderamento dixital dende unha perspectiva de xénero” e un obradoiro de capacitación para o acceso ao emprego, procesos de selección, habilitades de comunicación e construción definitiva do perfil e o cv.