Comer ao aire libre e sen pratos está de moda e ten moitos adeptos no verán. Gondomar acollerá no seu Parque da Coelleira o “Rilla na rúa”, do 17 ao 20 de agosto. Unha cita cha de música, comida, artesanía e xogos para os máis pequenos e pequenas.

O Concello de Gondomar e Elemental Street, empresa promotora de eventos, presentaron o pasado martes a programación do inminente Rilla na Rúa “Edición Novecento”. Son catro días de propostas gastronómicas variadas e un programa cargado de actividades para todos os públicos.

Da tarde do xoves 17 ao domingo 20 de agosto no Parque da Coelleira, o público poderá disfrutar de mercados de artesanía, actividades infantís, unha ampla oferta de foodtrucks e concertos cun fío condutor: a música dos anos 80.

O evento deste ano rende unha pequena homenaxe á histórica discoteca Novecento, emblema da “movida” en Gondomar.

O Rilla na Rúa “Edición Novecento” comezará na tarde do xoves 17 e prolongarase ata a noite do domingo, 20 de agosto. Cun programa todavía por desvelar, haberá actividades para os máis pequenos e pequenas da casa o venres pola tarde e o sábado e domingo en horario de mañá e tarde (ás 12.30 e as 18.30 horas, respectivamente), markets de artesanía abertos desde as 12 horas, tamén foodtrucks para as quendas de comida e cena, e concertos cada día desde as 22 horas.

Na presentación desta edición, o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, destacou que “O Rilla na Rúa é un dos eventos familiares de máis éxito e estamos encantados de que faga parada en Gondomar. Invito a toda a cidadanía de Gondomar e da comarca a que se acheguen ata o Parque da Coelleira, para gozar da mellor música, e da mellor gastronomía de rúa. Ademáis queremos que esta edición do Rilla na Rúa sirva como homenaxe a un local, o Novecento, que marcou toda unha época e foi un referente en Gondomar e en toda a provincia”.