O Concello do Baiona pon en marcha o proxecto Baiona Net-Zero, unha iniciativa necesaria que reforza o compromiso da administración local coa sustentabilidade e a economía circular.
Segundo indican fontes municipais, as principais medidas son o cálculo da pegada de carbono do Concello como institución e a neutralización da mesma nos seus montes, o acceso ás comunidades de montes ao mercado do carbono e facilitar ás empresas e comercios de Baiona a conversión en negocios Net-Zero axudándoas a rentabilizar esta inversión.
A iniciativa foi presentada ao tecido empresarial e comercial de Baiona da man de David Lemos, representante de AirCO2.
Desde a administración local “búscase que os baioneses e baionesas poidan sacar peito de pertencer a un concello responsable e referente no que respecta ao medio ambiente. Responsable porque nos facemos cargo das emisións de CO2 que xera a actividade profesional e trabállase para reducilas e neutralizala, e referente porque quérese ser un exemplo a nivel rexional e nacional de modelo de xestión municipal que vai por diante en materia de economía circular aplicada á pegada de carbono”.
Co lanzamento deste proxecto a administración local conseguirá ademais de preservar e manter os seus montes, revalorizar o rural e promover a sustentabilidade da industria e comercio do municipio.
O interese demostrado polo tecido empresarial e comercial por este proxecto demostra, o interese común de posicionar a Baiona como un concello concienciado e comprometido co medio.