Nigrán celebra o 23 de abril arredor de Domingo Villar

O Concello organiza mañá unha feira, un roteiro literario e outras actividades con motivo do Día do Libro

O roteiro literario “A Praia dos Afogados” terá saída ás 10.00 horas dende a Praia da Madorra .   | // FDV

O roteiro literario “A Praia dos Afogados” terá saída ás 10.00 horas dende a Praia da Madorra . | // FDV / l. c.

L. C.

O Concello de Nigrán celebrará este ano o Día do Libro cunha gran xornada festiva durante toda a xornada de mañá domingo, 23 de abril, na Praza do Concello. Haberá unha feira e organizaranse unha serie de actividades deseñadas para incentivar a lectura e dirixidas a todos os públicos, co falecido Domingo Villar como autor destacado.

“Este ano o Día do Libro cae en domingo, polo que decidimos organizar unha feira coa presenza das dúas librerías do municipio e, ao mesmo tempo, animala cunha programación entorno a ela”, explica o alcalde, Juan González. Así, de 11.00 a 13.00 e de 17.00 a 19.30 horas, os dous negocios locais, Paraísos de Papel e Piño, disporán de cadanseu posto de venda acompañados tamén do trío artístico-literario Solaina (autoras de diferentes libros infantís con raíz no Miñor) e de Papelier, papelería artesá de Baiona. Igualmente, o Concello disporá de decenas de libros de regalo para que as persoas interesadas elixan o que desexen levarse.

Os escritores da comarca terán especial relevancia na feira coa firma de exemplares. Así, no posto de Paraísos de papel estará ás 11.00 horas Héctor Riobó, ás 12.00 Elvira Jardón e Luis Boullosa e ás 17.00 Fran Fernández Dávila. Pola súa banda, a Librería Piño ofrecerá ás 11.30 horas a Nuria Fernández Fariñas, ás 18.00 a Santiago Ferragud e ás 18.30 a Teresa Chamorro. Igualmente, ás 17.00 horas intervirá Carla Pérez, xefa da Brigada Forestal Municipal de Nigrán, quen aportará a súa experiencia recollida no libro “Árbores que non arden. As mulleres na prevención de incendios forestais”, de Proxecto Batefogo.

Pero sen dúbida, a figura de Domingo Villar será a gran protagonista desta feira co roteiro literario “A Praia dos Afogados”, con saída ás 10.00 horas da Praia da Madorra baixo inscrición previa escribindo un correo electrónico ao enderezo oficinaturismo@nigran.org, e coa proxección da película homónima ás 20:00 horas no auditorio municipal, con presentación e charla posterior a cargo de Pepo Suevos, un dos actores no filme. “Tivemos a sorte de que Nigrán sexa o escenario principal desta obra que vive actualmente un rexurdir; Domingo Villar é o noso mellor embaixador literario”, recoñece o rexedor, quen desexa deste xeito “manter viva a memoria de Domingo”, falecido o ano pasado.

O roteiro, desde o punto de vista paisaxístico, resulta espectacular porque recompila algúns dos lugares máis fermosos de Nigrán e que tan ben describe na novela, como poden ser Monteferro, Praia da Madorra, Praia América, Panxón e o Templo Votivo. Con tal motivo, esta andaina está plasmada nun folleto turístico específico que elaborou o Concello este ano e que reproduce os pasos do carismático personaxe Leo Caldas nesta famosa novela negra traducida a máis de 15 idiomas. Pola súa banda, a película de 2015 de Gerardo Herrero recolle tamén imaxes destas zonas.

[object Object]

Pensando no público infantil, ás 11.00 horas Papelier ofrecerá o contacontos en inglés “Penelope the pilgrim, lost in Nigrán” coa tradutora e intérprete inglesa afincada en Nigrán Tonya Walton tomando a palabra e os responsables de Papelier debuxando ao mesmo tempo para facelo máis comprensible.

Os mesmos ofrecerán ás 12.00 horas o obradoiro “Crea o teu libro pop-up”, nome que levan os exemplares con elementos tridimensionais, móbiles ou despregables que permiten a interacción física entre o lector e o libro, polo que é habitual na literatura infantil. Para participar deste obradoiro é preciso inscribirse previamente en www.nigran.es.

Xa o luns, 24 de abril, o Concello abrirá o programa de animación á lectura Ler Conta Moito co contacontos de Raquel Queizás “Chimpo de ra”, ás 18.00 horas na biblioteca municipal. Estes contacontos iranse celebrando de xeito periódico ata o mes de outubro.

Tracking Pixel Contents